Dende as 11.00 horas deste 14 de xuño as instalacións do CEIP Julio Gurriarán do Barco acollen a celebración do ALCERFEST, unha xornada festiva e solidaria a favor da Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais de Ourense (Alcer)-Ourense. Un cento de persoas están a participar nesta xornada de convivencia.

O programa comezaba coa apertura de portas e continuaba ás 11.30 horas coa presentación da asociación. A partir das 12.00 horas, os máis pequenos podían desfrutar con xogos como o tiro con arco, inchables, pintacaras e mesmo cun circuíto de karts.
Tamén cobraba protagonismo a música en directo da man dos cantantes valdeorreses Andrea Velasco e Alber Miri, que animaban os momentos previos á comida popular. Entre os participantes na xornada estaban o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, e a concelleira María del Carmen Núñez.

Ás 14.00 horas celebrábase unha comida para todas as persoas asistentes, composta por paella, pan, auga, viño e sobremesa, incluída no prezo da entrada. Xa pola tarde, entre as 15.00 e as 18.00 horas, desenvolveranse distintas actividades infantís e familiares, entre elas tiro ao arco, tiro con machada e un circuíto de coches eléctricos, mentres a música volverá soar da man do grupo The Crokiss.

A xornada concluirá cun sorteo e unha gran festa da escuma, dúas propostas que cada ano espertan unha gran participación e que poñerán o broche final a unha cita marcada pola diversión, a convivencia e a solidariedade.
“ALCERFEST constitúe unha oportunidade para desfrutar dunha xornada diferente en familia e entre amizades, combinando música, actividades, gastronomía e solidariedade nun mesmo espazo. A iniciativa busca, ademais, achegar á cidadanía a realidade das persoas con enfermidade renal e contribuír á sensibilización social arredor dunha patoloxía que afecta a milleiros de persoas”, tal e como indica a asociación.
Fotos: A.R.
Vídeo: O SIL.

