CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O alumnado do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, nas probas da XLIII Olimpíada Galega de Química

Sesenta e seis alumnos de 9 centros educativos de Ourense acoden ás probas desta competición

IES Carlos Casares de Viana do Bolo./Foto: OSIL.

 

Un total de 66 alumnas e alumnos de nove centros educativos da cidade de Ourense e provincia (IES Otero Pedrayo de Ourense, IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, IES Julio Prieto Nespereira de Ourense; CPR Plurilingüe Miraflores do Pereiro de Aguiar; IES Allariz, IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova; IES Cidade de Antioquia de Xinzo de Limia; IES Carlos Casares de Viana do Bolo, e IES Número 1 do Carballiño) participaron hoxe nas probas da XLIII Olimpíada Galega de Química 2026, organizada pola Asociación de Químicos de Galicia, en colaboración co Colexio Oficial de Químicos de Galicia. As probas celebráronse na Facultade de Ciencias (As Lagoas) na cidade de Ourense.

A Coruña, Lugo, Santiago, Ourense e Vigo acolleron simultaneamente as probas da XLIII Olimpíada Galega de Química, nas que hoxe participaron 239 alumnas e alumnas, récord absoluto de participantes de todas as probas celebradas ata o de agora, procedentes de 41 centros educativos de toda Galicia. A proba, que comezou ás 16.30 horas, consistiu en dous partes: a resolución de cuestións tipo test; de varios problemas e na interpretación dun suposto práctico de laboratorio. A química e os seus vínculos con Galicia sempre están presentes nas probas. Iso si, seguindo a pauta dos Deseños Curriculares de Bacharelato de Galicia (Decreto 86/2015), nas materias de Física e Química de 1º de Bacharelato e de Química de 2º Bacharelato.

A XLIII Olimpíada Galega de Química, segundo destaca Juan Sanmartín, vicepresidente da asociación e coordinador da proba, homenaxea este ano a Pelayo Rubido, un químico ligado profesionalmente ao sector da automoción e fundador do laboratorio de control ambiental Auquilab. Este profesional da química tivo un papel crave na creación e consolidación das Olimpíadas de Química en España. Foi nomeado en 1986 Coordinador Nacional.

Para fomentar vocacións

A Olimpíada Galega de Química, que pretende fomentar vocacións e desenvolver o espírito emprendedor entre os máis novos, é decana destas probas en España e xerme da Olimpíada Nacional de Química. Os alumnos clasificados nos tres primeiros postos por cada un dos distritos universitarios (A Coruña, Santiago e Vigo) recibirán un galardón e diploma acreditativo. Ademais, todos os participantes recibirán un diploma de participación, como é costume.

As mellores alumnas e alumnos participarán na Olimpíada Nacional de Química, que este ano terá como sede a Universidade de Alacante, na cidade de Alacante, do 24 ao 26 de abril de 2026. “Será unha nova oportunidade para mostrar o talento científico-químico das novas xeracións do alumnado galego de bacharelato”, destaca un ano máis Manuel Rodríguez Méndez, máximo responsable da Asociación de Químicos de Galicia e do Colexio Oficial de Químicos de Galicia.

Back to top button