OurenseÚltima hora

O alumnado do IES Chamoso Lamas do Carballiño visita o Polígono de San Cibrao

 

Estudantes do IES Chamoso Lamas do Carballiño visitaban onte o Polígono de San Cibrao das Viñas no marco do programa Eduemprende Atrévete, impulsado pola Dirección Xeral de Formación Profesional da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

A xornada, organizada grazas á colaboración da Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao, enmárcase no Plan Eduemprende, cuxo obxectivo é achegar ao alumnado de primaria e secundaria á realidade empresarial da súa contorna, fomentando o espírito emprendedor a través do contacto directo co tecido produtivo local.

 

 

A visita comezou na propia sede da Asociación de Empresarios, onde os estudantes recibiron unha primeira toma de contacto coa organización e o funcionamento do polígono. Desde alí, o grupo trasladouse ás instalacións de Inplasor Galicia, empresa fundada en 1997 e especializada na inxección de plástico que, cos anos, ampliou a súa actividade cara á enxeñería de moldes e o ensamblado de pezas. Integrada na Agrupación industrial de Automoción de Galicia (CEAGA) e con recoñecementos a nivel europeo, Inplasor é un exemplo de empresa industrial que combina tradición, innovación e especialización técnica.

Unha experiencia que brinda ao alumnado unha perspectiva directa sobre os perfís profesionais do sector e o papel que empresas como esta desempeñan na economía de Galicia e no marco dun dos principais polos industriais e económicos non só a nivel provincial, senón autonómico; como é o Polígono de San Cibrao.

Back to top button