
O Bispado de Ourense acollía a presentación do himno, o cartel, o logo e a oración do Ano Xubilar da Veracruz, no Carballiño, cuxa apertura solemne presidirá Monseñor Lemos Montanet o sábado 31 de outubro ás 11 horas, así como a Carta Pastoral que o Bispo de Ourense entregará aos fieis na devandita apertura.
Monseñor Leonardo Lemos sinalaba na presentación que o Ano Xubilar da Veracruz é un “acontecemento relixioso, cultural e social extraordinario e un proxecto que saíu das bases e que foi acollido polos sacerdotes. Cando me fixeron a proposta, que me pareceu moi interesante, fixémoslla chegar a Roma e respondeu concedéndonos o Ano Xubilar” que terá lugar do 31 de outubro de 2026 ao 17 de setembro de 2027.

Neste acto presentouse o himno, o logo, a oración e o cartel do Ano Xubilar no 75 aniversario do Templo da Veracruz e cando se cumpren tamén 125 anos da chegada da reliquia da Veracruz ao Carballiño.
O párroco do Carballiño, D. Jorge Juan Pérez Gallego, sinalaba que este ano Xubilar é “moi importante para a parroquia” e é un “tempo de graza, devoción e misión pastoral” destacando que “é unha ilusión para todos”, unha idea que destacaba tamén o alcalde do Carballiño, Rafael Castro Gil, cualificando o Ano Xubilar como un fito e un orgullo para os veciños, e agradecendo o traballo realizado pola Diocese e a parroquia.

O próximo 31 de outubro estrearase o himno realizado polo músico carballiñés Abraham Santiago Reboredo, quen manifestou estar “feliz” como carballiñés por realizar este himno na súa terra e así “achegar ao pobo e á Diocese de Ourense”. O cartel e o logotipo, pola súa banda, foron deseñados por Gabriel González Pérez, baseándose na cruz realizada por Antonio Palacios.
O Ano Xubilar comezará cunha procesión solemne desde a igrexa do Asilo ata o Templo da Veracruz coa Real Banda de Gaitas da Deputación, corais e a estrea do himno.