A praza España era o lugar escollido polo Concello de Quiroga para instalar a carpa que acolle hoxe e mañá o Mercado de Nadal no que participan 16 postos que representan ao comercio local e ao sector da artesanía, actividades infantís, obradoiros e animación musical, coa finalidade de dinamizar o comercio local e incentivar o sector da artesanía.

Ás 12 horas deste sábado 27 de decembro abríase o recinto feiral ata o que se achegaban o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera e os concelleiros de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández e Medio Ambiente, Luis Manuel Arias para asistir a alguna das actividades previstas entre as que destaca a visita do Apalpador recén chegado das montañas do Courel acompañado do seu burriño para animar a veciñanza, pero sobre todo, os máis cativos que cantaron e brincaron o ritmo dos contos e historias deste entrañable personaxe.
Ao longo da mañá foron moitas as persoas que se achegaron por este mercado, aproveitando tamén que hoxe é feira de mercado na vila. Ademais de todos os postos nos que se poden realizar diferentes compras, roupas, produtos típicos da zona, bixutería, libros, xoguetes,alimentación ect., tamén estaban veciñas e colaboradores da Asociación Española contra o cancro, con diferentes manualidades realizadas a man para por a venda e así recaudar fondos para esta entidade.
Xa pola tarde e para fomentar o interese polos oficios e pola artesanía realizábase un obradoiro de decoración de pintura en impresión 3D para Nadal para os máis pequenos e actividades creativas que ademais de ofrecer un espazo de lecer poden atraer a este mundo futuros profesionais. Mañá haberá outro de elaboración de guirnaldas ás 16:30 h.
A maiores, os dous días, contarase na entrada do mercado cun inchable xigante para a cativada e realizarase un sorteo dunha Cesta de Nadal grazas á asociación de comerciantes local.
E como non podía faltar a música, para amenizar o mercado mañá domingo actuará a charanga tradicional Pándega que fará un pequeno pasarrúas e rematarán na carpa da feira para poñerlle animación musical a comerciantes e clientes de 12 a 14h.

O Mercado de Nadal, Comercio local e Artesanía, está organizado polo Concello de Quiroga coa colaboración da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque Montañas do Courel, conta co cofinanciamento principal do Centrad (Centro de Artesanía e Deseño) da Vicepresidencia da Deputación de Lugo que achega 6.476,90 euros. O horario é de de 11 a 14 e de 16 a 20 horas ambos os dous días.


Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.