A sesión plenaria que a Corporación local de Bande celebraba na mañá deste 10 de xullo era moi especial e estaba marcada pola emoción e o agradecemento. A orde do día centrábase no nomeamento do profesor Antonio Rodríguez Colmenero, arqueólogo especializado no mundo romano, como Fillo Adoptivo deste municipio “en recoñecemento aos extraordinarios méritos acumulados ao longo da súa traxectoria académica, profesional e investigadora”, algo que resultaba aprobado por unanimidade.
O acto, que contaba coa asistencia de diferentes autoridades, comezaba lembrando a destacada traxectoria deste investigador, nacido en Lucenza (Cualedro) en 1936. Estudaba a carreira eclesiática no Seminario de Ourense, “onde adquire unha faceta persoal e humanística que lle vai deixar pegada para o resto da súa vida”, incidindo de xeito especial no coñecemento do latín, “que lle serviu na súa traxectoria investigadora, converténdose nun dos mellores especialistas en epigrafía da Península Ibérica. Tamén se recordaba que exercía o ministerio sacerdotal durante dez anos, obtendo a dispensa papal dos seus votos en 1974, dous anos despois contraía matrimonio con Covadonga Carreño, coa que formaba unha familia e tiña dous fillos.

Para entón xa se tiña licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Valladolid, onde tamén foi profesor de Historia Antiga. Despois de ler a súa tese doutoral en 1975 trasladouse á Universidade de Deusto, da que foi Profesor Agregado durante seis anos. Logo pasou á Universidade de Alacante e ás de Oviedo e Santiago de Compostela. En 1999 optaba, por oposición,e ganóuna, cátedra de Historia antiga da Universidade de Santiago de Compostela, campus de Lugo.
Chegado á idade de xubilación foi nomeado Profesor Emérito e posteriormente Profesor ad Honorem. É, ademais, Académico numerario da Real AcademiaGalega de Belas Artes, Correspondente da Real Academia da Historia, vicepresidente da Fundación Aquae Quarquennae Via Nova e director do Grupo Arqueolóxico Larouco.
“Centrou os seus esforzos na exhumación do campamento militar romano de Aquis Querquennis, un dos exemplos máis importantes de arqueoloxía castrense da península. Despois de ser director das diferentes campañas de escavación, pasou a dedicarse a labores de intendencia, de búsqueda de financiamento económico”, dicíase no pleno. Ademais resaltábase que, despois de 50 anos de escavación no xacemento, pode verse un campamento romano que acada as 2,5 hectáreas e que acollía á Legio VII Gemina, cuxa misión principal era a construción da Via Nova, para comunicar Bracara Augusta con Asturica Augusta, unha das estradas máis importantes do noroeste. E resaltábase que Rodríguez Colmenero é autor de máis de 20 monografías de arqueoloxía e historia antiga e de multitude de artigos.

A partir de aí tomaba a palabra a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, quen aseguraba que “hoxe é un deses días nos que o corazón fala máis alto que a rutina institucional” e que este recoñecemento a Antonio Rodríguez Colmenero constitúe unha “merecida homenaxe á dedicación desinteresada e apaixonada á recuperación, estudo e posta en valor do patrimonio arqueolóxico do noso concello, e moi especialmente ao complexo romano de Aquae Querquennae, cuxo legado histórico e científico contribuíu de maneira decisiva a divulgar e preservar”, sendo “un dos campamentos máis escavados da península”.
A rexedora proseguía apuntando que o labor do profesor Colmenero foi “máis alá das escavacións arqueolóxicas, tendeu pontes entre a ciencia e a veciñanza, compartiu o seu sabor con humildade, formou a novas xeracións de investigadores e contribuíu á creación dunha conciencia colectiva arredor de coidar, conservar e divulgar o noso patrimonio. Antonio Chegou a Bande co corazón aberto do que ama e do do que descobre e achegouse ao noso pasado con respecto”.

Pero, este investigador, matizaba Sandra Quintas, “nunca buscou recoñecementos, e por iso este recoñecemento ten máis valor porque nace do corazón dunha comunidade agradecida. A figura de Antonio é a unión entre a ciencia e a terra, entre o saber e o sentir. Grazaas por todo o que nos deixas. Esta é a nosa maneira de dicir que te queremos e que formas parte da historia desta vila e deste concello”. Algo que se certificaba, instantes despois, na votación deste galardón, que saía aprobada por unanimidade.
“Queremos que leves con orgullo o nome de Bande”, concluía a alcaldesa, que tamén tiña palabras de agradecemento para a familia de Rodríguez Colmenero e para os seus colaboradores, cunha mención especial para o valdeorrés Santiago Ferrer, que agora dirixe as escavacións do campamento.
Finalmente, era o homenaxeado quen interviña no acto, comezando con lembranzas da súa nenez e comentando a evolución da zona, para, a continuación mencion os seus estudos no seminario, primeirono menor de Ourense e logo no maior. “Ese tempo de servizo aportou moito do que seu son, é moito o que lle debo á igrexa”.
Tamén facía un repaso pola súa formación en Valladolid, e polo seu paso por diversas universidades ata regresar a Galicia. E, iso, sen esquecer como se levaron a cabo as primeiras escavación no campamento romano de Bande. Aí contaba que logrou convencer á Fundación Barrié de la Maza para que lle concederan unha beca de investigación por dous anos, coa idea de poder descubrir “en realidade de que era aquel lugar, eran os anos 1974/75 cando xa iniciamos as primeiras actuacións”.




E ía repasando a evolución destas inetrvencións, así como o valor da Via Nova ou o achado de Aquae Querquennae. Colmenero destaba a importancia de divulgar os resultados desta investigación e expresaba o seu agradecemento ás diferentes administracións que apoiaron esta labor ao longo das décadas, así como aos membros do Grupo Arqueolóxico Larouco, á súa familia e amigos, e, por suposto, “a todos os deste lugar”. Tamén avogaba por dinamizar este legado romano e referíase ao potencial arqueolóxico desta zona, falando de que hai traballo para varias xeracións de arqueólogos.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

