
A xunta directiva do Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV) vén de acordar nomear “Valdeorrés Ilustre” ao artista Jesús Díaz Ferrer (1922 O Barco-Concud, Teruel, 2017) . “Dacordo cos peticionarios, esta directiva acordarará nunha vindeira xunta a data do acto solemne de proclamación”, segundo informa o IEV.
Nado no Barco de Valdeorras en 1922, Jesús Díaz Ferrer desenvolveu unha fecunda e prolífica actividade creadora. Utilizou e dominou múltiples técnicas e materiais: pintura, escultura, relevo, colaxe, gravado, cerámica… Posúe tamén unha enorme variedade de temas: paisaxes, retratos, bodegóns, nus, temática relixiosa, social e satírica, composicións abstractas, costumistas, surrealistas…
A súa figura era rescatada do esquecemento da man do historiador da arte valdeorrés Luis Enrique Rodríguez “Coquixo”, quen ademais comisariaba varias mostras, promovidas tamén polo Concello do Barco, que poñían en valor a súa traxectoria e obra tanto en Valdeorras, como fóra da comarca.
Jesús Díaz Ferrer, quen pasou boa parte da súa vida en París, foi “un creador curioso e atrevido que pasou a súa vida completamente consagrado e entregado á arte. As súas obras compartiron espazo xunto ás de Matisse e Picasso e foron comercializadas nas casas de subastas máis prestixiosas de España”, tal e como ten destacado Coquixo.
“Atopámonos ante un artista que, por ter transitado durante a súa longa carreira dende as derradeiras vangardas europeas ata a postmodernidade, resulta esencial para comprender os nexos entre a arte galega e a arte europea dende mediados do século XX ata os inicios do século XXI”, tal e como ten destacado Coquixo.