
A Xunta de Galicia apoia a Federación Galega de Espeleoloxía con 26.750 euros para a realización do “Atlas de Covas e Canóns de Galicia”, un proxecto que permitirá contar coa información das covas e dos canóns
en tempo real e de xeito portátil.
O Consello da Xunta deste 17 de novembro era informado sobre este atlas realizado pola Federación Galega de Espeleoloxía en colaboración coa Xunta nun traballo comezado en 2020 e que conta xa con máis de 1.000 espazos entre cavidades e canóns documentados e máis de 30 quilómetros de elementos topografiados e estudados. O obxectivo do Atlas é ser dinámico polo que, unha vez definida a plataforma base, seguirá
medrando de cara a manter o mundo subterráneo galego actualizado.
“Neste sentido, cómpre salientar o grande interese que está xerando a catalogación de cavidades e canóns en Galicia dentro da comunidade espeleolóxica de España, destacando a importancia dos xacementos galegos como a Cova do Rei Cintolo, a cova máis grande de Galicia e a que conta con maior percorrido horizontal. A Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes considerou o devandito atlas como un proxecto de especial relevancia nos convenios de colaboración subscritos
coa Federación Galega de Espeleoloxía cun financiamento de 26.750 euros por parte do Goberno galego”, segundo a Xunta.
Este proxecto céntrase no uso de aplicacións móbiles que permitan contar coa información das covas e dos canóns en tempo real e de xeito portátil. O “Atlas de Covas e Canóns de Galicia” utiliza as plataformas Qgis e Qfield, que permiten o traballo tanto en campo como en gabinete de material cartográfico. Son de código aberto, versátiles e traballan con todos os sistemas operativos. O coñecemento da situación de todos os
elementos dispostos no Atlas, servirá para a planificación de actividades deportivas, pero tamén para centros educativos, investigadores, servizos de emerxencia, servizos xeográficos, empresas de turismo activo, divulgadores, servizos de protección da natureza, así como calquera persoa que queira coñecer o mundo subterráneo galego.
O “Atlas de Covas e Canóns de Galicia” reúne as catro paisaxes subterráneas galegas (carst, pseudocarst, paracarst, covas de consecuencia), as construcións subterráneas máis singulares e os canóns equipados para a práctica deportiva. Trátase dun catálogo exhaustivo de covas, barrancos e canóns, que ofrece todos os datos posibles sobre cada un deles, tanto para facer máis doada e segura a visita como para permitir a análise da información unha vez estea dixitalizada.
A Federación, segundo adianta o goberno galego, utiliza información básica e cartografía recollida na plataforma de Información Xeográfica de Galicia da Xunta. O “Atlas de Covas e Canóns de Galicia” é un dos proxectos máis ambiciosos en toda a espeleoloxía nacional e pioneiro en Europa xa que aínda que existe algunha experiencia similar, ningunha co alcance territorial do atlas galego.