
O Entroido 2026 está xa en marcha na provincia de Ourense. Folións e máscaras comezaron as rondas e visitas agardando os días centrais da festa, coas citas tradicionais e algunha proposta máis novidosa.
É o caso da ‘Noite Boteira’ prevista para o sábado 7 de febreiro. Trátase dunha chamada aos boteiros para xuntarse, “para que non saiamos só un día, para facer grupo, facer ruído e pasalo como sabemos. Cantos máis boteiros, mellor ambiente e máis forza teremos”, aseguran os promotores da iniciativa.
O punto de encontro será o Bar O Callejón ás 19 horas e tal como explican “cada boteiro sairá co fulión que lle corresponda, facendo vibrar a rúa desde o primeiro momento” e ás 22 horas haberá pinchos no bar “para seguir compartindo risas, música e bo rollo entre boteiros”, din, asegurando que “esta quedada é para coñecernos máis, facer piña e demostrar que os boteiros seguimos máis vivos ca nunca”.
