
O Concello do Barco de Valdeorras acollerá tres actividades do proxecto de Comercio Xusto da ONG Solidariedade Internacional de Galicia nos próximos días de decembro, co obxectivo de sensibilizar á poboación sobre as desigualdades que provoca o comercio internacional e promover alternativas de consumo máis xustas e sostibles.
O xoves 18 de decembro ás 11:00 horas no Teatro Municipal Lauro Olmo terá lugar a representación da obra teatral “Vaia Tea!”, da compañía XucrutTeatre, participarán alumnado de secundaria e poboación en xeral. A través do humor e a reflexión, a peza convida a pensar sobre o modelo de consumo, as condicións laborais das persoas que producen a roupa e a importancia de escoller alternativas máis responsables.
O sábado 20 de decembro ás 12:00 horas no Mercado de Abastos proxectarase o documental “Os pousos do café, unha historia de amizade e comercio xusto” en El Salvador. A través dos testemuños das mulleres da cooperativa cafeteira ATAISI, o documental visibiliza os retos e logros das produtoras nun contexto marcado pola desigualdade de xénero e as inxustizas do mercado internacional, así como os beneficios que lles aporta o comercio xusto.
Feira #AquíeAcoláOXusto de produtos de comercio xusto
O sábado 20 de decembro tamén terá lugar na Praza do Príncipe a feira #AquíeAcoláOXusto,desde ás 11:00 ata ás 14:30, na que o público poderá coñecer a orixe de produtos como café, cacao e azucre, así como degustar distintas variedades. A actividade ofrece información sobre a produción, comercialización e os desafíos aos que se enfrontan os produtores e produtoras de países do Sur Global, promovendo un consumo consciente e responsable.
A campaña #AquíeAcoláOXusto busca sensibilizar á sociedade galega sobre as desigualdades sociais do comercio internacional e fomentar alternativas de consumo que respecten os dereitos humanos e as condicións laborais dignas en todo o mundo. A campaña de Solidariedade Internacional de Galicia está financiada por Cooperación Galega da Xunta de Galicia e colabora o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.