A Asociación O Barco Centro Comercial Aberto (CCA) reforza a súa aposta pola dinamización e pola mellora da actividade comercial nesta vila valdeorresa con novos e innovadores proxectos, nos que se aposta polas novas tecnoloxías. Así o adiantaba o seu presidente, Jacobo Arias, na asemblea anual que esta entidade celebraba no Viveiro de Empresas do Barco na noite do 21 de novembro.
Jacobo Arias comezaba presentando aos membros da xunta directiva que o acompañaban na mesa: o vicepresidente José Antonio Outomuro, o tesoureiro Javier Brasa, a secretaria Eva María Docampo, e as vogais Rebeca Álvarez e Alba Dobao, ademais da xerente do CCA, Ángeles Vispo. Ademais agradecía a asistencia dos asociados, así como o respaldo e colaboración da súa xunta directiva, “estamos máis unidos que nunca, traballando xuntos”, comentaba.
Ademais na xuntanza dábase conta da memoria de actividades desenvolvidas polo CCA ao longo do pasado exercicio do 2024. Nela recollíanse unha vintena de iniciativas diferentes, algunhas novidosas, como a primeira edición da Festa O Barco Aberto en agosto, e outras que xa habituais como a participación da Ruta de Pinchos do Barco, a campaña de San Valentín, o Día do Pai, a pasarela de moda, os Maios, o Día da Nai, as Letras Galegas, a Noite Branca, Máis Rebaixas, o Minichef Obarco Aberto, o Magosto, o Samaín e a do Nadal. Ademais, realizábanse campañas específicas con diferentes sectores como as de ferraxerías, librarías, perruquerías e centros de estética.

No decurso da xuntanza os socios aprobaban os diferentes puntos da orde do día, entre eles a citada memoria de actividades, as contas do 2024 e a previsión de orzamento e as novas solicitudes de afiliación. Neste apartado, o presidente da asociación destacaba que coas últimas altas, a asociación rexistra a maior cifra de asociados dende o seu nacemento no 2004, lembrando ademais que foi o primemiro centro comercial aberto en crearse na provincia de Ourense.
Xa no apartado de rogos e preguntas, Jacobo Arias referíase a novos proxectos nos que esta traballando o CCA, vinculados con eidos como o das novas tecnoloxías, entre outros, ademais de expoñer que de levarse a cabo a algúns deles sería preciso realizar algunha modificación nos estatutos da asociación. Así mesmo, anunciaba que se tratará de actualizar e innovar nalgunhas das campañas que se están a realizar e da vontade de continuar coa organización da pasarela de moda e co túnel do terror, cunha gran acollida.
Arias destacaba a calidade do comercio barquense e valdeorrés e destacaba que cada vez é máis coñecida a súa importancia a nivel galego, tamén agradecía a implicación e colaboración dos socios nas campañas desenvolvidas pola entidade e animábaos a participar e a continuar achegando ideas de cara a seguir dinamizando e mellorando o comercio local, “é importante que esteamos unidos e que loitemos polo Barco e pola comarca”.
Ademais, o presidente agradecía o apoio que reciben da Dirección Xeral de Comercio, do Concello do Barco e da Deputación de Ourense e Inorde.
Tras a asemblea tiña lugar unha petiscada para os participantes.
Fotos: Carlos G. Hervella.