
Con motivo da Semana Mundial da Lactación Materna (SMLM), que en Europa celébrase do 6 ao 12 de outubro de 2024, baixo o lema “Prioricemos a lactación materna: construíndo sistemas de apoio sostibles”, a Asociación De Nai a Nai organizará a 13ª Semana da Lactación Materna no Barco de Valdeorras.
“A celebración da SMLM, coordinada pola Alianza Mundial prol Lactación Materna (WABA) en colaboración coa OMS e UNICEF, subliña a importancia do traballo en rede entre o sector social que apoia ás nais lactantes e os sectores relacionados, co obxectivo de xerar unha causa común. Este ano, quérese destacar que a lactación materna debe ser unha prioridade colectiva, sostida por sistemas de apoio duradeiros que involucren a familias, comunidades, profesionais e políticas públicas. Por isto, a charla que preparamos titúlase “Lactación materna: saúde hoxe e mañá” “, explican dende a asociación barquense.

A charla terá lugar o vindeiro mércores 8 de outubro ás 17:30h. no local da asociación, situado no cuarto andar do edificio da Biblioteca Municipal do Barco. Será impartida por Lorena Prada, presidenta da asociación e consultora de lactación certificada. “A lactación materna é moito máis que un acto de alimentación: é un investimento na saúde do bebé, da nai e da sociedade. Nesta charla exploraremos como este xesto natural impacta desde os primeiros días e deixa pegada ao longo de toda a vida”, adianta Lorena Prada.
Desde o primeiro contacto, a lactación achega beneficios inmediatos, explica Prada. “Para o recentemente nado, o calostro funciona como unha primeira vacina: protexe fronte a infeccións e fortalece o seu sistema inmunológico, aínda en desenvolvemento. Pero os beneficios non terminan coa infancia. A longo prazo, as persoas que foron aleitadas, teñen menor risco de obesidade, diabetes tipo 2, alerxias e enfermidades respiratorias, e gozan dun mellor desenvolvemento cognitivo. As nais, pola súa banda, reducen o seu risco de cancro de mama e ovario, melloran a saúde ósea e cardiovascular”.
Ademais xera “un impacto positivo na sociedade e o medio ambiente. Contribúe á sustentabilidade ao ser un alimento natural, sen residuos nin emisións de carbono, e representa un aforro económico importante para as familias e os sistemas de saúde”, engade.