ConcellosEn portadaO BarcoÚltima horaVídeos

O Barco celebra a primavera coa tradicional Festa dos Maios

 

O son das bombas chamaba á festa na mañá do 1 de maio no Barco. A praza do Concello acollía a celebración dos Maios, unha cita tradicional coa que se festexa a natureza e a primavera e na que, nesta ocasión, tamén aparecía como convidada a chuvia, o que obrigaba a trasladar a feira de artesanía ao pavillón vello.

 

 

Nesta edición, na que tampouco faltaba unha actuación de música e baile tradicional co grupo Lembranzas da Ría, inscribíanse un otal de 8 Maios, nas categorías de enxebre (a de máis participación) e artístico, ademais de dous arcos florais. Tampouco faltaban as tradicionais coplas, con 4 participantes, dos que só un, o CEIP Julio Gurriarán puido interpretalas, xa que tiveron que ser interrompidas pola chuvia.

 

 

Ademais de admirar os Maios, as persoas que na mañá de onte se achegaban ata a praza do Concello do Barco tamén podían visitar a mostra de artesanía, no pavillón, que contaba cuns 22 postos, con diversos produtos gastronómicos (tanto doces como pan e tamén licores), así como de artesanía de coiro, tea e madeira ou xoguetes, entre outros. Non faltaba tampouco unha pulpeira.

Pola tarde, tras a actuación do Mago Teto, chegaba un dos momentos máis esperados: a entrega de premios, tras coñecerse as votacións do xurado do concurso do Concello do Barco. Así, na categoría de Maios enxebres o primeiro premio correspondíalle ao Maio da Anpa Aturuxo do CEIP Julio Gurriarán, o segundo premio ao do CEIP Ramón Otero Pedrayo e o terceiro ao CEIP Condesa de Fenosa. En Maios artísticos, o ganador era o CEIP Ramón Otero Pedrayo, en segundo lugar quedaba o de Asfaval e no terceiro o do CEIP Condesa Fenosa. E, nas coplas, o vencedor do concurso era a ANPA Auturuxo do CEIP Julio Gurriarán, quedando en segundo lugar a ANPA do Colexio Divina Pastora e en terceiro lugar o CEIP Condesa Fenosa.

 

Sorteo do vale de compra do CCA entre os participantes no voto aberto desta edición dos Maios./ Foto: Javier Brasa.

 

Novamente nesta edición o público podía votar directamente ao seu Maio favorito a través do “voto aberto” do Centro Comercial Aberto do Barco, cunha gran participación. O Maio ganador foi o da ANPA Aturuxo do CEIP Julio Gurriarán. Ademais, entre os participantes o CCA sorteaba un vale de compra de 50 euros nos establecementos asociados.

Fotos: A.R.

Máis información e fotos

A mostra de artesanía da Festa dos Maios do Barco, en imaxes

Artigos relacionados

Back to top button