“Presentamos un programa cultural moi completo, de gran calidade e que inclúe 35 actividades para os meses de xullo e agosto e que tamén se estende ata as Festas do Cristo. Son propostas variadas para todos os públicos e preferencias”, destacaba a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, esta mañá na presentación do “Verán Cultural”. O programa inclúe as actividades organizadas polo Concello, pero tamén outras nas que colabora, como é o caso do SilFest Valdeorras, que comeza este mércores ás 22:30h. co concerto de Nerea Jiménez na praza Maior.
A principal novidade será o “Diververán acuático”, que terá como escenario o campo da festa entre os días 15 e 18 de xullo. Entre as actividades figuran, en xullo, os espectáculos do XIII Ciclo De Perto (que conta co apoido de “Cultura no Camiño” da Xunta), o Cince Verán na praza Maior, que incidirá especialmente nos filmes para público familiar; así como a Feira Medieval de Tremiñá (días 12 e 13 de xullo).
Xa no mes de agosto, comezarán, a partir do día 1 os concertos do Terrasón (programa co respaldo da Axencia de Turismo de Galicia), cunha notable presenza de grupos locais como El patio de Leni, Sr. Jingles ou notAzul e que se desenvolverá en diferetes localizacións da vila.
Xa en setembro, o programa recolle unha nova edición da Semana de Cine no Teatro Lauro Olmo, ademais da Feira de produtos tradicionais e as Festas do Cristo.
Fotos: A.R.
Vídeo: O SIL.
