A partir das 10:30h. da mañá deste 17 de maio, Día das Letras Galegas, pechábanse na praza de Andrés de Prada do Barco as inscricións da I Carreira e Andaina pola Lingua desta vila. A saída da carreira infantil dábase pasadas as 11h. dende a Fonte da Ra, no Paseo de Malecón, e remate en Andrés de Prada. Despois da entrega de medallas á cativada, era a quenda dos participantes da andaina, que partía dende a mesma praza Andrés de Prada.
A ruta tiña un percorrido duns 2,7 km e, tras saír do Malecón, os participantes cruzaban a pasarela do Salgueiral, continuaban dirección Viloira e chegaban á Casa Grande (onde recibían un número para entrar nun sorteo de agasallos), onde enfiaban de novo cara O Barco pola pasarela do casco vello, remantando no punto de inicio.
Máis que unha actividade deportiva esta andaina busca ser unha iniciativa “para a reivindicación” e aberta á toda a veciñanza”, en palabras da concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta.
Un cento de persoas, entre maiores e nenos, formaban parte desta actividade, que remataba cun sorteo de agasallos.
Tamén para este 17 de maio, pero ás 13h. está previsto un “Vermú das Letras”, no Malecón (zona de Correos), no que Fran Rei presentará o seu espectáculo “Repunantas”. E pola tarde, ás 18:30h. na praza Andrés de Prada, estará a narradora Raquel Queizas coa peza para público familiar “Begoña ao teléfono”, dentro das chamadas Pequeletras”.
Este evento organizado pola Concellería de Cultura do Barco contaba coa colaboración da Policía Local e tamén dos voluntarios das agrupacións de Protección Civil do Barco e de Petín.
Fotos: A.R.
Vídeos: O SIL.




