
O municipio portugués de Amarante será a sede, os días 8, 9 e 10 de maio, da IX edición de EXPOCIDADES, un encontro xa consolidado como unha das principais citas de turismo de proximidade entre Galicia e o Norte de Portugal. Impulsada polo Eixo Atlántico, esta edición reunirá a 29 entidades participantes, entre elas o Concello do Barco, o que supón un incremento de dous municipios respecto á edición celebrada en 2025 en Sarria, reforzando así o seu crecemento e a súa capacidade de representación territorial.
A inauguración terá lugar o venres 8 de maio ás 16.00 horas (hora portuguesa) no Parque Multifuncional do Rossio, en Amarante, dando comezo a tres xornadas centradas na promoción dos municipios participantes e na posta en valor da súa oferta turística, cultural e económica.
Durante as tres xornadas, o público poderá percorrer as distintas casetas de municipios e entidades participantes, onde se ofrecerán degustacións de produtos locais, exhibicións de tradicións, artesanía, talleres, actividades infantís, música, teatro e demostracións en vivo.
O municipio anfitrión, Amarante, contará ademais cunha programación cultural propia que incluirá actuacións musicais de Suspensive Mood, Trobadores dá ViolAMArantina e Fole e Festa, entre outros. A xornada de clausura culminará co sorteo dun cruceiro polo río Douro.
Turismo responsable
EXPOCIDADES enmárcase na estratexia de turismo do Eixo Atlántico, orientada a fortalecer o sector desde unha perspectiva responsable, sostible e de excelencia, promovendo un desenvolvemento equilibrado do territorio.
Horario de apertura de EXPOCIDADES 2026 (hora portuguesa)
• Venres 8 de maio: de 16.00 a 22.00 horas
• Sábado 9 de maio: de 15.00 a 22.00 horas
• Domingo 10 de maio: de 10.30 a 13.00 horas e de 15.00 a 20.00 horas