Cos votos a favor de toda a Corporación municipal do Barco (PSdeG-PSOE, PP e BNG) saían adiante no pleno ordinario deste mes de xuño, celebrado esta tarde, as mocións para pedir “a execución inmediata e integral das obras de reparación da N-120” e para a “solicitude do restablecemento de servizos e melloras na estación A Gudiña Porta de Galicia”.
A primeira delas, defendida polo BNG, a través do seu voceiro municipal, Manuel Agra, recollía no seu acordo o seguinte: que o Concello inste ao “Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a executar de maneira inmediata e integral as obras de reparación da estrada N-120 nas provincias de Lugo e Ourense. Igualmente, insta a levar a cabo o desdobramento da vía onde sexa posible”.
Tamén resultaba aprobada por unanimidade outra moción presentada polo PP e defendida polo seu voceiro no pleno barquense, Antonio Melo, relativa á supresión de servizos do tren de alta velocidade na Estación Porta de Galicia-A Gudiña. A iniciativa concluía cos seguintes acordos:
“1. Reclamar ao Goberno de España e a RENFE que manteña todos os servizos e número de paradas de tren como na actualidade e as potencie.
2. Reclamar ao Goberno de España e a RENFE que aplique todos os descontos, tal como aplícanse noutras estacións de Alta Velocidade.
3. Reclamar ao Goberno de España e a ADIF que se dote de ascensores á estación da Gudiña, tal como estaba proxectado e coma se teñen outras estacións de Alta Velocidade”.
En cambio, resultaba rexeitada (cos votos en contra do partido socialista e a abstención do BNG) outra moción do PP, defendida polo concelleiro José Luis Tamayo, que solicitaba “a redución do ICIO ao 50% para construción de nova planta de vivendas en chan de Núcleo Rural de Expansión, distinguíndoa do 75% aplicable para reforma ou rehabilitación de vivenda en chan de Núcleo Rural”.
No pleno tamén se abordaban, entre outros puntos, un relativo á aproboación do Plan Económico Financeiro 2025-2026, que resultaba aprobado unicamente dos votos socialistas.
Fotos: O SIL.