Moito máis que un debuxante de prensa, Antonio Mingote foi académico, escritor e pintor. “Cronista da alma humana e notario do absurdo. En definitiva, un xenio, que na súa longa traxectoria profesional asinou unha inxente obra de miles de debuxos, facendo gala dunha mestría gráfica que só os grandes artistas conseguen alcanzar”.
Unha arte que chega ao Barco de Valdeorras da man de ABANCA, Afundación, a Fundación Mingote e o Concello como broche á programación cultural da Festa do Botelo a través da exposición “Arte e Humor: o enxeño de Antonio Mingote” que permanecerá na Sala ABANCA (praza do Príncipe) ata o 22 de febreiro.
Trátase dunha mostra que convida a percorrer, con esa ironía fina e tenrura que o caracterizaban, os grandes momentos da creación artística ao longo dos séculos. “Esta exposición é unha recompilación de obras vinculadas a serie Historia da Pintura e representa un dos exercicios máis singulares de divulgación artística desde a perspectiva do debuxo humorístico”, explican dende A Fundación Mingote, destacando que o artista “propúxose reinterpretar os estilos pictóricos mais relevantes -da arte rupestre a vangarda abstracta, pasando polo Románico, o Renacemento ou o Impresionismo- a través dunha parodia tan culta como divertida”.
Así, en cada unha das máis de 40 láminas expostas, o visitante poderá recoñecer os acenos estéticos de cada movemento, pero tamén descubrirá chiscadelas aos prexuízos, modas ou desvaríos que acompañaron a historia da arte… e da humanidade. “A terra que inspirou a Castelao, Laxeiro ou Maruja Mallo ten unha relación profunda coa imaxe, coa sátira e coa sensibilidade popular. No pobo galego, onde a ironia é case un idioma propio, a obra de Mingote atopará, sen dúbida, un público cómplice, atento e agradecido”, aseguran.
A inauguración oficial da mostra, tiña lugar na mañá deste luns 19 de xaneiro por parte de Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, acompañada por Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura e de Aurentino Alonso, alcalde do Barco. Pizcueta destacou o feito de que a mostra “dun dos grandes do grafismo deste país” chegue ao Barco “en primicia”, supoñendo “unha oportunidade que non debemos perder para coñecer e afondar tanto na figura como na obra do autor”, agardando que “suscite interese tanto no público xeral como máis adolescente, especialmente o alumnado de Secundaria”.
Pola súa banda, Beatriz Fernández explicou a relación de moitos dos cadros expostos coa arte. “Hai guiños a Velázquez, a Miró, a Vang ou o Greco…” subliñando a vinculación en cada exposición que organizan “da parte cultural coa social a través da doazón de alimentos coa campaña “Cultura por Alimentos” para que toda a xente que se achegue poida aportar un pouco desa solidariedade que sabemos que hai no Barco porque é un lugar no que temos sempre unha gran recollida de alimentos”.
O alcalde do Barco, convidou a visitar a exposición á “xente do Barco e de toda Valdeorras porque é unha oportunidade que poucas veces se vai repetir. Non é habitual ter unha mostra deste nivel”. O horario será os venres de 18 a 20:30 horas, os sábados de 12 a 14 e de 18 a 20:30 horas. Polas mañás, os grupos e colectivos, con previa reserva.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.
