É unha idea que o Concello do Barco leva barallando dende hai anos e que agora pretende impulsar co apoio do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular: a creación dun Centro de Interpretación da Minería. Así o sinalaba o alcalde barquense, Alfredo García, acompañado por Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, entidade que respaldará a iniciativa; e polos concelleiros Aurentino Alonso e Margarida Pizcueta.
“Falamos de centro de interpretación e non de museo porque consideramos que neste momento é a figura máis áxil e axeitada á realidade do territorio”, comentaba Vázquez Mao, quen enmarcaba a iniciativa nos proxectos que o Eixo desenvolve nestes momentos no Barco: un deles vinculado coa estratexia de reto demográfico (adiantando que en breve sairá a concurso a xestión do viveiro de granxas) e outro vinculado co enoturismo. “Este é o contexto no que xurde esta idea de centro de interpretación, que aposta pola cultura, tendo en conta que O Barco conta cunha situación privilexiada entre as Médulas (León) que é Patrimonio da Humanidade e a Ribeira Sacra, que o vai ser pronto”, matizaba. Vázquez Mao tamén adiantaba que este proxecto de centro de interpretación pretende ser algo “moi dinámico e interactivo”.

Pola súa banda, o alcalde do Barco referíase aos contidos que se prevén incluír nese futuro centro de interpretación: “sería dende a minería romana, e todo o que iso conleva, cunha sección sobre a caliza e o volframio ata chegar á lousa. En España non hai ningún museo sobre a lousa, cando este país é o gran produtor mundial”. Ademais adiantaba que se proxecta situar este centro nas antigas instalacións de Cedie e “estamos de acordo con eles na creación dunha fundación, para que non sexa o Concello que se asuma ese reto en solitario. Por iso o mellor instrumento é unha fundación na que poidamos implicar ao sector privado, as administracións e as universidades e tamén para conseguir fondos para poder levalo adiante e para o seu mantemento”.
Alfredo García explicaba que este centro tamén acollería diversas actividades, porque a intención é que dispoña dunha sala de conferencias, outra de exposicións e de mesmo unha de concertos e “queremos que sexa algo fundamentalmente didáctico. É un obxectivo moi ambicioso para esta comarca, á súa vez sería un reclamo potente para mover o turismo dunha forma efectiva e real”. O rexedor estima que para primeiros do 2026 podería ter os estudos que pretende levar a cabo para determinar cuestións como a súa viabilidade, “entre tanto, abordaremos a cuestión da función e veremos como imos traballar nisto”.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

