Por unanimidade saída adiante no pleno desta tarde deste 3 de xullo unha moción presentada polos tres grupos políticos da Corporación barquense para rexeitar os gastos de realización das Probas de Avaliación do Bachalareto para o Acceso á Universidade (PAU).
O texto da moción era lido polo voceiro municipal socialista, Aurentino Alonso, quen se refería á “nova carga económica que se está a trasladar aos concellos rurais en concepto de contraprestación pola organización da PAU”. Así, tras a formalización do acordo entre o Concello da Rúa e a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) para celebrar as probas no IES Cosme López, “detectouse a inclusión dun novo concepto denominado gastos de xestión, coordinación e materiais das probas”, que ascende a 3.645 euros. Segundo a moción, a esta suma hai que engadir 9.972 euros en concepto de gastos de convocatoria de xuño e 8.258 euros pola de xullo. Estes novos custos elevan até os 21.875 euros o total a abonar entre os concellos afectados, de maneira alícuota, en función da procedencia dos alumnos e alumnas presentadas ás probas.

No texto da iniciativa tamén se recolle que unicamente hai tres territorios en Galicia (A Rúa, Cee e Viveiro) que asinan o convenio coa CiUG e asumen o pagamento deste custo, mentres que o resto non asume ningunha carga directa. E indicaba que, en dous anos, estes gastos incrementáronse en máis dun 80%. Os concellos afectados no caso da sede da Rúa son os da comarca de Valdeorras, Terras de Trives e Viana do Bolo.
Así os grupos municipais do Barco consideran que é “tempo de que as administracións superiores asuman a súa responsabilidades e deixen de trasladar custos discriminatorios aos entes locais, que xa teñen demasiadas cargas para garantir os dereitos básicos da cidadanía”.
Neste senso, a moción recollía dous acordos: “requirir á CiUG a retirada inmediata de todos os gastos incluídos nos covenios asinados cos concellos para a celebración das PAU, por consideralos inxustificados e discriminatorios dos territorios de Galicia” e “instar á administración autonómica a buscar solucións que garantan a continuidade das actuais sedes de celebración das probas de acceso á universidade”.
A iniciativa saía adiante por unanimidade dos tres grupos municipais: PSdeG-PSOE, PP e BNG.

Moción do BNG para garantir as mamografías no hospital do Barco
Tamén resultaba aprobada, cos votos a favor socialistas e do BNG e coas 5 abstencións do PP, a moción presentada polo BNG para “garantir a realización de todas as mamografías necesarias no Distrito Sanitario de Valdeorras”.
O texto da moción, defendida polo voceiro do BNG Manuel Agra, lembraba o cambio normativo que supuxo a perda da área sanitaria do Barco no 2028, e asúa integración na área sanitaria ourensá. Nese enso, inicaba que, dende entón “a perda de especialidades, especialistas e servizos sanitarios segue avanzando” e supón que “obriga a veciñanza do distrito a trasladarse a Ourense -cento e pico quilómetros- para recibir atención sanitaria pública. Todo isto coa agravante do mal estado das comunicacións e a escaseza de transporte público”.
Ademais o BNG aseguraba que “estes días saíron á luz casos de mulleres do noso distrito sanitario que eran derivadas a Ourense para realizar as mamografías. Unha proba necesaria e obrigatoria para previr un dos cancros máis comúns, que practicamente ten que realizar toda a poboación feminina e que, por outro lado, dura menos de 15 minutos”.
E por iso o grupo do BNG solicitaba á Corporación barquense “instar a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a garantizar a realización no Hospital Público de Valdeorras (HPV) de todas as mamografías necesarias no distrito sanitario do Barco de Valdeorras”.
Dende o grupo municipal do PP, a concelleira Maite Estévez, cualificaba de “demagoxia” a moción e explicaba que se os edís nacionalistas se tivesen informado ao respecto, saberían que “o radiólogo está de vacacións” e que “ás pacientes informóuselles da posibilidade de non retrasar a data da mamografía acudindo a Ourense. A Xunta de Galicia está poñendo todos os medios para cubrir a praza de radiólogo que falta no hospital e pronto o teremos”.
As súas explicacións non convenceron nin ao BNG, nin ao grupo socialista, que, a través do concelleiro de Sanidade, Orlando Saavedra, manifestaba o seu apoio á moción. Saavedra incidía tamén e que área única non serviu para potenciar a calidade asistencial, nin para mellorar a atención en Valdeorras e destacaba que “non hai idea de xestión no Distrito do Barco. Somos periferia e non se perciben as nosas necesidades, non hai proxecto de futuro para o Distrito do Barco”.
O concelleiro socialista tamén esixía que “se nos expliquen os plans da administración sanitaria e que rendan contas da súa xestión. E se realmente hai interese de informar, ¿por que non se ten conformado o Consello de Sanidade, tal e como figura na lei pola que se creou a área única? Dese xeito poderían informar permanentemente a poboación destes problemas”.
Finalmente, o punto a moción do BNG saía adiante co respaldo dos seus edís e dos do PSOE, e coa abstención dos populares.

Rexeitada a moción do PP sobre implantación de detectores de fumes en vivendas
Outra das mocións que se debatía na sesión plenaria de xullo no Barco era unha iniciativa do PP relativa á “implementar detectores de fumes en vivendas como medida de seguridade an -incendio nos fogares”. A iniciativa, que era exposta polo concelleiro popular José Luis Tamayo, citaba a cidades ou municipios españois, que teñen implementado propostas deste tipo e sinalaba que “en edificios residenciais, onde a proximidade entre vivendas mul/plica o risco de propagación de incendios, a xeneralización do uso de detectores de fume non só é unha responsabilidade individual, senón tamén unha medida de protección colectiva. Deste xeito, cada propietario ou inquilino contribúe non só á súa propia seguridade, senón tamén á do conxunto do inmoble, ademais os estudos que avalan que a inhalación de fume é a causa da maioría das mortes por incendio nas cidades”.
Por iso a moción pedía que o Concello do Barco iniciase “unha Campaña de Promoción para a Incorporación de detectores de fume nas vivendas, e planificar cambio normativo e fases de aplicación de instalación de detectores de incendios”.

Dende o grupo municipal do BNG, Xavier Rocha, sinalaba que estaban de acordo coa idea da moción, “pero nela fáltannos moitísimos detalles, por exemplo, á normativa á que se refire, as inspecccións…”. E engadía que un dispositivo deste tipo non valería de nada se se dan situacións, como as xa acontecidas, de que non haxa efectivos no parque de bombeiros comarcal que poidan acudir ao incendio.
Pola súa banda, o voceiro socialista, Aurentino Alonso, respostaba que se documentou con relación a concellos e cidades que teñan levado a cabo iniciativas deste tipo e concluía que neses casos sempre houbo algunha entidade, xa fose pública ou de carácter privado como unha aseguradora, que se ocuparon de financiar os aparellos e que unicamente nun caso, o de Valladolid, se levou a cabo un cambio na normativa. E engadía que na recente reforma que houbo nesta primavera, relativa a este tipo de seguridade, no Código Técnico da Edificación, a nivel estatal, “nin os lexisladores a nivel nacional nin os técnicos consideron que fose necesario iso”.
O rexedor barquense engadía que recollen a idea “e porémonos a traballar para ver como podemos abordala, pero cambiar o PXOM para un tema que non é competencia municipal, senón estatal, é como matar moscas a cañonazos, por iso non imos apoiar a moción”.
Deste xeito, a moción resultaba rexeitada, ao obter unicamente os 5 votos favorables do PP, fronte aos 9 votos en contra do PSdeG-PSOE, mentres que o BNG abstíñase.
Fotos: A.R.