
As persoas que circulaban dende está mañá pola estrada xeral do Barco, nomeadamente pola avenida Conde Fenosa, atopábanse con cortes na circulación. Comezaban as obras para reparar o colector de saneamento situado na intersección coa rúa Santa Rita. Dita actuación, suporá o corte da arteria principal da vila, e desviará o tráfico polas rúas lindeiras.
A Policía Local traballou na coordinación dos cortes e desvíos de tráfico, que comezarán hoxe martes, ás 11:00 horas, e terán unha duración de entre 20 e 30 días. As obras obrigarán a desviar o tráfico de entrada á vila desde A Proba, que conducirá aos vehículos pola rúa Castelao ata rematar en Eulogio Fernández, e deste xeito, poder ter acceso ao centro urbano. Os vehículos pesados serán desviados antes, tendo obrigatoriamente que circular pola rúa do Río Galir para despois acceder a Eulogio Fernández.

Á inversa, os vehículos procedentes da avenida Manuel Quiroga e Marcelino Suárez, serán desviados pola rúa da Estación en ambos sentidos, cara a estación de tren e cara o Paseo do Malecón. No caso dos vehículos pesados, o dispositivo especial contempla conexións coa N-120 ou saídas cara Sobradelo pola propia N-536.
En toda a área afectada manteranse os accesos aos garaxes.
