EconomíaEconomíaÚltima hora

O barquense Alonso Vázquez crea ‘Revísalo’, unha web gratuíta para calcular o consumo de cada electrodoméstico

Alonso Vázquez Prieto./ Foto cedida.

 

Unha ferramenta sinxela, de fácil manexo e moi útil. Así é ‘Revísalo’ unha páxina web gratuíta para calcular o gasto de cada electrodoméstico nunha vivenda.

“A web indica o prezo da luz, hora a hora, e calcula en poucos pasos e en euros, o que custa usar cada aparato”, explica o seu creador con só 15 anos, o barquense Alonso Vázquez Prieto, indicando que está pensada sobre todo para persoas maiores ou xente pouco acostumada ao móbil, polo que presenta un deseño moi sinxelo. “Non hace fai falta rexistrarse e pódese usar desde o móbil ou o ordenador”. Tamén indica o horario no que cada electrodoméstico consume máis e menos; os tramos máis baratos e máis caros; e mesmo conta cunha guía para aforrar.

A idea xurdía na mente inqueda e creativa de Alonso, estudante de 3º da ESO no IES Lauro Olmo ao que lle gusta e interesa a informática e que, buscando un tema para crear unha web pensou no da luz, polo elevado prezo actual e “porque as calculadoras que xa existen parécenme pouco intuitivas e prácticas, sobre todo para a xente maior”, di, pensando na utilidade para moitos veciños da comarca de Valdeorras.

Unha iniciativa que en pouco tempo desenvolveu e puxo en marcha hai apenas quince días, tendo moi boa acollida. De feito nun só día acadou 4.000 visualizacións, manténdose máis ou menos nesa cifra.

Enlace para entrar na web: revisalaluz.es

 

 

 

 

Back to top button