PolíticaÚltima hora

O BNG aproba as candidaturas ás xerais do 29N, que no caso da provincia de Ourense lideran Noa Presas e Bernardo Varela

O Consello Nacional do BNG vén de aprobar as candidaturas ás eleccións xerais do próximo 29 de novembro, candidaturas preparadas, solventes e comprometidas con Galiza e coa súa xente, e que lideran Néstor Rego na Coruña, Carme da Silva en Pontevedra, Olalla Rodil en Lugo, e Noa Presas en Ourense.

A portavoz nacional, Ana Pontón, recalcou que o e as catro cabezas de lista coñecen moi ben os problemas e retos que ten por diante o País e que van ir a Madrid cunha única lealdade, “Galiza e os galegos e as galegas”, incidiu, logo de presentar a cada un e unha delas.

Pontón destacou o traballo de Rego como deputado no Congreso como “a voz de cada problema, de dada demanda de Galiza en Madrid” e afirmou que fixo el máis polo País que os restantes 22 deputados e deputadas galegos ao servizo das forzas estatais.

Un labor en prol do País que tamén salientou da até agora senadora Carme da Silva, “unha garantía de defensa dos intereses dos galegos e das galegas e das maiorías sociais” e que, augurou, a partir do 29N seguirá defendendo alto e claro a Galiza como fixo no Senado, pero dentro do grupo do BNG no Congreso.

Lidera a lista por Ourense, a portavoz parlamentaria de Facenda, Noa Presas, á que Pontón se referiu como “unha referente, feminista e rigorosa que coñece perfectamente as necesidades de Ourense, á que dará voz na Cámara Baixa”.

A actual viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, encabezará a lista por Lugo, para levar agora, tamén desde Lugo, a voz de Galiza ao Congreso coa “enerxía, a solvencia e a determinación” que a caracterizan, explicou a portavoz nacional.

“Con Néstor, Carme, Olalla e Noa, imos con todo e a por todas, porque o BNG non ten límites e nestas eleccións imos volver a demostralo, un BNG imparable que vai ser a sorpresa no próximo 29 de novembro”, augurou.

A líder nacionalista explicou que o obxectivo do Bloque de cara ao 29N é claro: conseguir “máis forza para Galiza”, máis capacidade para defender os seus intereses e para defender “a vida digna da xente deste País”.

Neste sentido, advertiu que hoxe en día hai galegos e galegas que traballan duro e que non chegan a fin de mes; mozos e mozas que queren facer o seu proxecto de vida fóra das casas dos seus pais, pero non poden polos prezos dos alugueiros; familias angustiadas por ver se poden pagar as facturas a fin de mes e por servizos públicos nos que soportan listas de espera; e persoas maiores que necesitan ter a tranquilidade de que poden vivir esta etapa da súa vida sabendo que terán pensións dignas e a atención que necesitan.

“Esta é a realidade que temos que cambiar, esa é a política que importa fronte ao ruído e a crispación que irradia a política madrileña”, indicou, para subliñar a continuación que o BNG quere que “Galiza conte, que se tomen medidas valentes para mellorar a vida da xente e avanzar en dereitos e liberdades”.

A portavoz nacional explicou que Galiza “non pode seguir sendo espectadora das decisións que se toman en Madrid” e que acaban afectando directamente na vida dos galegos e das galegas, no territorio e nos recursos do País.

Neste sentido, alegou que o Bloque xa demostrou que só cun deputado e unha senadora foi quen de conseguir máis que os outros deputados e deputadas “do bipartidismo xuntos”, entre outras cuestións, rebaixas históricas na AP-9 e na AP-53, melloras ferroviarias, novos xulgados de xénero, melloras nas pensións ou unha quita de 4.000 millóns na débeda pública.

O BNG dá luz verde a unhas candidaturas “preparadas, solventes e comprometidas coa defensa de Galiza e da súa xente”, segundo Pontón e, avanzou, nesta campaña pedirá o apoio de todas as persoas que queren “unha Galiza con voz propia, de quen quere unha vida digna, de quen está farto de promesas incumpridas e de quen sabe que non se pode deixar o noso en mans de decisións tomadas lonxe de aquí”.

Candidatura por Ourense do BNG ás eleccións do 29N

 

 

Back to top button