O Bloque Nacionalista Galego “esixe a colaboración inmediata de todas as administracións ante o arrastre da cinza após os grandes lumes que asolaron as comarcas ourensás e lucenses, moi especialmente no caso de Valdeorras”. Así o aseguraba a senadora do BNG, Carme da Silva, na mañá deste venres 14 de novembro na Rúa, destacando que a organización nacionalista urxe protexer a bacía e reclama a Goberno do Estado e Xunta de Galiza, con competencias na materia, frear as consecuencias dos grandes incendios e garantir o abastecemento de auga potábel a toda a veciñanza que se está vendo afectada.
“Ante unha situación de emerxencia, tanto ambiental como sanitaria, requírese de actuacións inmediatas e coordinadas. Non se pode mirar cara a outro lado e botar balóns fóra mentres as cinzas dos lumes producidos na época estival están a chegar aos ríos e mananciais que abastecen a poboación” sinala a senadora do BNG.

Para Carme da Silva, non abonda con recoñecer o problema senón que “é preciso actuar xa” a través dun “traballo conxunto, planificación e medios suficientes” de todas as administracións con competencias na materia. Tanto o Goberno do Estado, a través da Confederación Hidrográfica, como a Xunta de Galiza teñen competencias e “deben dar unha resposta eficaz e evitar duplicidades ou inaccións”. A resposta institucional, incide a frente nacionalista, debe ser inmediata e estar baseada na cooperación, porque “as competencias están repartidas, mais a responsabilidade de protexer o medio e o benestar da poboación é compartida”.
A senadora estivo acompañada pola alcaldesa nacionalista do Concello da Rúa, María G. Albert, o deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Iago Tabarés, o deputado provincial do BNG, Bernardo Varela, o responsábel comarcal do BNG en Valdeorras, Roberto Quiroga, Avelino Fernández, concelleiro na Rúa, e Manuel Agra, concelleiro no Barco.
Os concellos abandonados polo resto de administracións

A alcaldesa do Concello da Rúa, María G. Albert, lembra que desde o primeiro minuto após os lumes da época estival, o BNG alertou da necesidade de levar a cabo traballos para evitar que as primeiras choivas arrastrasen a cinza. “Non se fixeron os traballos necesarios e agora tampouco se están a levar a cabo as suficientes medidas para paliar a situación” subliña, poñendo en valor o servizo de augas municipal que “está a traballar 24 horas ao día, 7 días da semana para poder levar auga potábel á veciñanza” ante as restricións no consumo “sen contar coa axuda doutras administracións”.
O Goberno do Estado, a través da Confederación Hidrográfica
A senadora do BNG sinala a necesidade de que a CHMS publique un informe coas medidas que se están a desenvolver para evitar o arrastre de cinza e restos vexetais ás marxes e leitos dos ríos e “aclarar o investimento realizado e previsto para minimizar os efectos sobre a cunca”. Do mesmo xeito, continúa Carme da Silva, débense despregar actuacións adicionais e urxentes de limpeza e estabilización dos solos nas zonas máis afectadas.
A Xunta de Galiza, en función das competencias propias
Pola súa parte, o deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Iago Tabarés, avanza que no vindeiro pleno na cámara galega o seu compañeiro Secundino Fernández instará a Conselleira a levar a cabo “medidas concretas para potenciar a restauración destas superficies arrasadas polos lumes e evitar que a cinza poida contaminar os acuíferos”.

“Demandaremos explicacións á Xunta de Galiza para evitar que a neglixencia no que ten haber coa prevención e extinción dos lumes deste verán teñan máis impacto en algo tan ordinario como é o abastecemento domiciliario de auga potábel” subliña Tabarés.

Fotos e vídeos: Caros G. Hervella.