PolíticaÚltima hora

O BNG demanda flexibilidade a Europa para empregar drons con fins fitosanitarios na Ribeira Sacra

A súa eurodeputada Ana Miranda, exixe á Comisión Europea igualdade de trato entre viticultores de distintos territorios,

 

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defende en Europa unha mellor protección da viticultura da Ribeira Sacra grazas a aplicación de pulverización aérea de produtos fitosanitarios, “medida xa introducida por Francia en beneficio do seu sector mentres o Goberno español amosa unha parálise lexislativa ao respecto”.

Nunha pregunta oficial con solicitude de resposta escrita, a representante do Bloque pregunta á Comisión Europea sobre o artigo 9 da Directiva 2009/128/CE, que regula excepcións á prohibición da pulverización aérea de produtos fitosanitarios se non existen alternativas viables ou a súa aplicación presenta vantaxes claras para a saúde humana e ao medio ambiente fronte aos métodos terrestres.

“A técnica de pulverización fitosanitaria aplicada con drons resulta especialmente relevante para a Ribeira Sacra, un territorio con viticultura de montaña, minifundismo e pendentes extremas. Estas condicións xustifican a aplicación das excepcións recollidas nas normas europeas, como xa fai Francia”, aseguran dende o BNG.

“Preguntamos á Comisión se o Estado pode autorizar o emprego dos drons con fins fitosanitarios na Ribeira Sacra, É unha demanda do sector vitivinícola para seguir desenvolvendo as súas actividades produtivas, e contar así coas mesmas condicións que teñen os produtores de viño en Francia”, traslada Ana Miranda.

Francia, indica o BNG, desenvolveu un marco específico que permite, baixo determinadas condicións, o emprego de drons particularmente en cultivos e terreos onde as características orográficas dificultan os medios mecánicos. Na Ribeira Sacra está prohibida a mecanización en boa parte do territorio e, asemade, o rego automático.

“Tamén nos diriximos directamente á Comisión Europea para coñecer que medidas adoptará nesta normativa sobre pulverización aérea para non xerar unha desvantaxe competitiva entre viticultores de distintos territorios”, explica Ana Miranda, quen lamenta “a falla de iniciativa política do Goberno español para lexislar neste eido”.

Drons na Ribeira Sacra fronte ao despoboamento

A Ribeira Sacra é un territorio cunha paisaxe cultural declarada Ben de Interese Cultural (BIC). O mantemento da actividade vitivinícola constitúe un elemento esencial para a súa conservación, a fomento da actividade económica e a fixación de poboación.

A eurodeputada do Bloque tamén cuestionou á Comisión Europea se o emprego de novas tecnoloxías contribuiría á permanencia da actividade agraria en zonas afectadas polo despoboamento rural. O relevo xeracional é un dos obxectivos da Política Agraria Común e aplicar unha moratoria regulada para a pulverización sanitaria con drons na Ribeira Sacra podería ser unha ferramenta clave na continuidade da viticultura heroica.

Ana Miranda, destaca que “o emprego regulado de drons como demanda o sector e defendemos dende o BNG podería constituír, baixo estritos criterios de seguridade, unha ferramenta de modernización compatible coa conservación da paisaxe ao tempo que favorecería o relevo xeracional”.

O BNG comparte “a demanda dos viticultores sobre a necesidade de alternativas viables para manter unha actividade que forma parte da identidade galega e da economía do país. Unha normativa sobre o emprego de dons na Ribeira Sacra tería que diferencias claramente entre zonas habitadas, zonas chairas e as ribeiras, adaptando as condicións de uso ás características de cada espazo”.

Back to top button