
Entre os puntos que se abordarán no pleno ordinario que celebrará a Corporación municipal do Barco mañá xoves 5 de marzo figuran dúas mocións presentadas polo BNG: unha relativa á reivindicación do sector agrogandeiro galego con respecto ao acordo entre a UE-Mercorsur e outra para “conseguir avanzar en igualdade real e efectiva fronte ao rearmamento do machismo”.
Con respecto á primeira das iniciativas, nela o BNG plantexa que a Corporación do Barco inste á Xunta e ao Goberno de España aos seguintes puntos:
- Oporse ao acordo MERCOSUR-UE polas graves repercusións que terá no sector agrogandeiro galego e transmitir esta posición ao Congreso dos Deputados, ao Parlamento Europeo e á Comisión Europea.
- Rexeitar de forma clara e rotunda a proposta da presidenta da Comisión Europea de recortar máis dun 22% os fondos destinados á Política Agraria Común para o período 2028-2034.
- Esixir para o novo período da PAC 2028-2034 unha mellora do financiamento destinado a Galiza.
- Establecer por parte da Xunta de Galiza, de xeito inminente, a vacinación gratuíta contra a Dermatose Nodular Contaxiosa, a realizar por persoal propio da Consellaría antes da chegada da enfermidade ao noso país, como medida preventiva fundamental.
- Estabelecer medidas adicionais por parte da Consellaría do Medio Rural para previr a entrada en Galiza da DNC.
- Exixir da Xunta de Galiza que as indemnizacións por animal nos casos de baleiro sanitario (DNC) estean actualizadas segundo o prezo real de mercado do gando.
- Modificar e simplificar as normativas de aplicación da PAC en Galiza, tendo en conta a nosa especificidade, evitando criterios diverxentes entre consellarías. No Comité de Seguimento do PEPAC establecerase unha mesa de traballo específica para combater a burocratización da tramitación das axudas, permitindo a simplificación dos procedementos administrativos e a unificación de criterios.
- Promover unha reforma da Lei da Cadea Alimentar con indexación e referencias a marxes comerciais non abusivas, mellorando o coñecemento dos custos de produción mediante estudos específicos e a implantación dunha rede de explotacións que permita obter datos reais das distintas orientacións produtivas.
Por outra banda, na moción vinculada á celebración do 8-M, o grupo municipal do BNG pedirá o respaldo do pleno para os seguintes acordos:
- A Corporación municipal do concello do Barco Valdeorras reafirma o seu compromiso coa loita feminista e o apoio ás mobilizacións e reivindicacións do feminismo galego organizado neste 8 de marzo de 2026.
- Reclamar á Xunta de Galiza a promoción dun acordo de país para a creación do Instituto Galego das Mulleres como un organismo público que promova e fortaleza as políticas de igualdade de forma transversal en todos os ámbitos da vida social, económica, cultural e política de Galiza. Para tal fin, o Instituto contará con personalidade xurídica propia, orzamento propio, autonomía de xestión e plena capacidade de obrar para o exercicio das súas función e terá como obxectivo a promoción das condicións que promovan a igualdade e supriman todos os obstáculos que a impiden así como a eliminación de todas as formas de discriminación das mulleres en Galiza.
- Instar á Xunta de Galiza a impulsar un novo marco regulamentario e orzamentario, incrementando a súa contribución, para os Centros de Información á Muller co obxectivo de reforzar e ampliar a rede galega de CIM facendo especial énfase na creación destes centros naqueles concellos e comarcas nos que actualmente non existen ou están sobrecargados, impulsar a fixación de rateos mínimas de persoal e favorecer a contratación a xornada completa, como mínimo, de todo o persoal que sexa obrigatorio para a acreditación do CIM.