
O grupo municipal do BNG defenderá no vindeiro pleno ordinario de xuño no Barco unha moción para demandar “a execución inmediata e integral das obras de reparación da N-120”. Así, a iniciativa, asinada polo concelleiro nacionalista Manuel Agra comeza destacando que a N-120 é “a principal vía de comunicación que ten O Barco e a comarca coa capital da provincia, Ourense -tamén co resto de Galiza e da Península-. Os cento e pico quilómetros que nos separan da cidade de Ourense son transitados diariamente por numerosas veciñas e veciños que deben acudir a citas médicas hospitalarias, xestións, estudos, traballos e outras cuestións”.
Así mesmo incídiese en que “a situación da N-120 no traxecto que discorre entre Valdeorras ata Ourense chegou ao límite tolerable no tocante ao mal estado. A perigosa situación na que se atopa o firme en distintos tramos, despois de anos de abandono, así como os problemas de seguridade viaria que isto xera, foi denunciado reiteradamente nos últimos anos polo BNG, recollendo as queixas e reclamacións das persoas usuarias. Trátase dunha estrada que precisa urxentemente mantemento e reforma”.
Tamén recolle o texto da moción do BNG que “as alertas e as queixas proceden tanto dos habitantes da zona como do persoal sanitario e condutores de ambulancias, do sector empresarial e do transporte que se lamentan da falta de atención por parte do Ministerio de Transportes e do cada vez maior illamento da comarca que case non ten outra opción de vía de comunicación e transporte. A N-120 é a principal vía de conexión actualmente dado que a autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada segue sendo un proxecto. Coa perda de servizos do Hospital Comarcal de Valdeorras e coa redución de frecuencias en tren -e autobús-, o uso da N-120 para viaxar a Ourense faise -diariamente- cada vez máis imprescindible”.
Ao mesmo tempo, apúntase que se trata “dunha estrada que se quedou obsoleta para soportar o tráfico rodado. Actualmente, carece de capacidade para absorber a circulación diaria, non só polo mal estado, senón tamén pola escaseza de carrís de adiantamento. Sen dúbida, trátase dunha infraestrutura que non é competitiva para o sector do transporte, sector empresarial e para a conexión coa cidade de Ourense”.
Por todo isto, o BNG pide na moción que o Concello do Barco inste ao “Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a executar de maneira inmediata e integral as obras de reparación da estrada N-120 nas provincias de Lugo e Ourense. Igualmente, insta a levar a cabo o desdobramento da vía onde sexa posible”.