
Na sesión plenaria que se celebraba neste 21 de outubro no Parlamento de Galicia, o BNG, a través dos seus deputados autonómicos Secundino Fernández e Montserrat Prado formulaba unha pregunta dirixida ao conselleiro de Sanidade, relativa á recuperación e adaptación dos servizos sanitarios no distrito sanitario de Valdeorras ás necesidades da cidadanía.
Segundo sinalaban os nacionalistas no texto da pregunta, “o Hospital de Valdeorras está nunha situación límite e a cidadanía ten que estar día si e día tamén manifestándose na súa defensa para evitar o seu desmantelamento. A esta situación engádese un problema grave de falla de comunicacións coa cidade de Ourense a que son derivados os usuarios da sanidade pública. Non fai falla que lles diga os km que hai dende calquera concello do distrito ou o tempo que leva ou a falla de transporte públicos”.
Para o BNG, “a destrución do tecido sanitario do noso distrito é incuestionábel, cando vemos a infradotación en recursos humanos tanto da atención primaria como hospitalaria, a perda de servizos clínicos no HPV, a ausencia de pediatras en atención primaria, a inexistencia de xeriatras para unha poboación envellecida, un HADO con escasos recursos e posibilidades, a non cobertura de permisos e baixas, a excesiva rotación de persoal facultativo, o escaso tempo de consulta por paciente, a negativa a dotar ao noso distrito dunha base do 061 cunha ambulancia medicalizada, o escurantismo, a falta de información e diálogo, o desprezo á poboación do noso Distrito Sanitario etc.”.
Neste senso, dende o grupo parlamentario do BNG preguntábase “que explicación ten a Xunta de Galiza a negativa situación na que se encontra a asistencia sanitaria no distrito de Valdeorras e no seu hospital de referencia e si vai solucionar esta situación para dar unha sanidade pública e de calidade a veciñanza da comarca?”.