ConcellosÚltima hora

O BOE publica a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional dos Entroidos de Viana, Manzaneda e Vilariño de Conso

 

O Boletín Oficial do Estado (BOE) vén de publicar neste 11 de setembro a declaración dos Entroidos de Viana do Bolo, Manzaneda e Vilariño de Conso como Festa de Interese Turístico. Estes tres municipios agrupáronse e presentaron unha solicitude conxunta para que a festa dos Entroidos do Oriente Ourensán recibira esta declaración que outorga a Secretaría de Estado de Turismo. Esta petición foi seleccionada en recoñecemento ao seu carácter ancestral e valores culturais e porque son unha celebración de gran atractivo turístico.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, felicitan aos municipios recoñecidos. “Esta distinción honra o esforzo colectivo dos veciños e veciñas que, xeración tras xeración, mantiveron viva a esencia do Entroido nos concellos de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso”, sinala Pedro Blanco.

Ademais, Pedro Blanco saúda “con orgullo” esta declaración e anticipa as súas consecuencias: “converter o oriente ourensán nun auténtico escaparate de tradición”. “Isto será un revulsivo para estas zonas, cun importante impulso ao turismo”, indica.

A festa está composta polos entroidos tradicionais que se celebran nestas localidades limítrofes entre si, e os veciños de cada municipio e unha de cuxas singularidades son os fulións de cada unha das aldeas, xunto coas súas máscaras, os Boteiros no caso de Viana do Bolo e Vilariño, e as Mázcaras en Manzaneda.

Trátase dunha celebración de gran atractivo turístico que conta con distintas iniciativas para garantir a súa promoción, difusión e permanencia no tempo, por exemplo, o Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask que se celebra en Viana do Bolo e Vilariño de Conso, un evento cultural no que se congregan as máis espectaculares máscaras de festas de inverno tanto de Galicia como doutros lugares de España e doutros países como Portugal.

 

Back to top button