En portadaÚltima horaVídeos

O Bolo prepárase para unha dobre cita no Castelo: a observación da eclipse e a IV Feira Irmandiña

 

Dobre cita no Castelo do Bolo para este mes de agosto: a eclipse total de sol o mércores día 12 e a IV Feira Irmandiña o venres 14, con programas especiais que eran presentados na mañá deste venres 31 de xullo por parte do equipo de goberno.

O alcade, Migueal Garcías, era o encargado de presentar a actividade “Un eclipse do século XXI versus un na Idade Media” para contemplar a eclipse solar do vindeiro 12 de agosto. A cita terá lugar na torre do Castelo a partir das 19 horas. Dende a súa terraza terán unha vista 360º do fenómeno, sen ningún tipo de elemento que obstaculice a visión. Ademais antes farase unha visita polo interior do Castelo falando da súa historia e da visión dos eclipses na Idade Media. O acto rematará cuns petiscos e uns viños de Valdeorras.

 

 

A actividade ten un número limitado de 30 prazas para poder estar con comodidade na terraza da torre da homenaxe do Castelo. O prezo especial desta actividade será de 15€/ persoa e pódese facer a reserva a través do teléfono 606 017 105. E o pago no número de conta que se lle facilitará ao facer a reserva. O día do evento terán que presentar o xustificante de pago para poder asistir.

O evento contará ademais coa asistencia de Rosa Veiga, que explicará e axudará a realizar fotografías neste momento. Os asistentes terán que traer os seus equipos fotográficos preparados para o evento. Ademais, a organización porá á disposición do público lentes homologadas para garantir unha visión segura do fenómeno.

 

 

Os nenos non estarán excluídos do evento, pero dadas as circunstancias e o lugar do evento solo poderán participar persoas a partir de 8 anos de idade. Os menores deberán ir acompañados dun adulto e cada adulto poderá inscribir un máximo de 1 menor ao seu cargo. Ademais as persoas con problemas de mobilidade indicar que para acceder a torre a máis de 20 metros de altura hai varios tramos de escaleiras.

Pola súa banda, a tenente de alcalde Mayra Martínez era quen avanzaba o programa da IV Feira Irmandiña que terá lugar o 14 de agosto con numerosas actividades. Trátase dun evento “que une unha parte da historia do castelo do Bolo coa recuperación de tradicións como as feiras que promocionan produtos locais e feitos a man”, dixo Mayra, explicando que a idea parte “dun feito singular que ocorreu no castelo no século XV, o asalto á fortificación por parte dos Irmandiños, que provocou a destrución de parte da edificación e a súa posterior reconstrución”.

 

 

Esta é unha parte da historia deste castelo pouco coñecida e única na comarca de Valdeorras, que dende o concello promocionan e poñen en valor. Nesta cuarta edición haberá case 30 postos de diferentes produtos de artesanía e gastronomía, entre eles un con produtos locais que non poden estar presentes por traballo. A feira estará aberta desde as 11 horas ata as 20 horas. Durante todo o día haberá catro ocasións de coñecer a historia do castelo e visitalo de balde. Ademais da segunda edición do concurso de vestimenta de época para nenos e adultos e a exhibición de materiais de época medieval.

O pregoeiro deste ano será Carlos Xabier Ares Pérez un destacado investigador, escritor e etnógrafo galego, con orixes maternas nas terras do Bolo, con familia nas Ermidas, Celeirós e Celavente; e unha das novidades da tarde será o Museo Vivo da Idade Media do grupo de recreación histórica de Ourense, Palla Aurea. Os visitantes terán a oportunidade de ver diferentes materiais da época medieval e saber as súas utilidades. Haberá armamento, roupa e obxectos da vida cotiá.

 

 

Este ano non haberá comida con venda anticipada de entradas. Cada visitante poderá adquirir o que desexe na pulpeira con tapas de pulpo a 10 € e no bar con empanadas e pan, usando as mesas que se colocarán no patio de armas do castelo.

“O mes de agosto é o mes festeiro por excelencia no Concello do Bolo. Son datas nas que este concello, que ten moita poboación emigrada, aumenta a súa poboación, coa volta de moitas persoas que viven o resto do ano en Cataluña, País Vasco, Francia, Suíza e Alemaña, entre outros lugares do mundo. Para celebrar esta volta e para os veciños que viven aquí todo o ano, hai numerosas festas programadas. As comisións de veciños esfórzanse en contratar orquestras e actividades para os nenos e contan co apoio do concello na medida do posible”, aseguraba Mayra antes de detallar o programa.

– 11-20 horas: Postos de produtos tradicionais na praza: artesanía variada, doces, viño, mel.
– 12 horas: Pregón a cargo do escritor e etnógrafo, Carlos Xabier Ares Pérez
– 18 horas: Museo Vivo da Idade Media no patio do castelo.
– Visitas guiadas de balde ao Castelo: 11:30, 13:30, 17:30 horas e 18:30 horas.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button