Cun novo formato, Rogaining, regresaba a orientación ao Bolo na mañá deste sábado 24 de outubro. Organizada polo club Our-O e o Concello a “aventura en equipo por algunhas das zonas arrasadas polo lume o pasado verán, a proba reunía a 70 deportistas chegados dende diferentes partes de Galicia.






Tal como explican dende a organización, non se trata dunha carreira normal. “Consiste en conseguir o maior número de puntos posibles buscando balizas polo mapa nun tempo determinado, pero indo ao noso ritmo, en equipo e elixindo nós mesmos a estratexia”, para o cal houbo tramos para correr, trotar, camiñar charlando e, sobre todo, “para perderse un pouco e rirse bastante”.
Tras a entrega de mapas, explicacións pertinentes e un café no pavillón de deportes do Bolo, onde se encontraba a Secretaría, ás 10:30 horas saían en masa dende o o patio do colexio, os inscritos nas categorías oficiais (Sénior, Veteranos, Superveteranos e Ultraveteranos) que dispoñían de tres horas para completar o percorrido polo mapa A Revolta “un terreo moi variado onde os percorridos alternan entre soutos de castiñeiros, piñeirais, prados, toxeiras, viñedos e abudan as enciñeiras, lavanda, tomillo e xaras. Está última é a parte mais técnica, xa que tamén conta con numerosos detalles rochosos. Nalgunhas ladeiras pódense atopar carballeiras e noutras, orientadas ao Sur, vexetación mediterránea onde muros formando terrazas representados como cortados franqueables”.
Case unha hora despois, ás 11:15 horas, facíano os inscritos nas categorías non federadas (Júnior e Open), menos numerosas, que dispoñían de dúas horas.






O I Roganning Terras do Bolo é a terceira proba desta modalidade da Federación Galega de Orientación. Na dirección da carreira estaba Mayra Martínez García, tenente de alcalde do Bolo, acompañada polo alcalde, Miguel A. García. Para o regreso, a organización tiña preparada panceta á grella e caldo para repoñer forzas.










Fotos e vídeos: O SIL.