EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O branco Eduardo Peña (D.O. Ribeiro) e o tinto Prómine (D.O. Ribeira Sacra), mellores viños de Galicia

Esta tarde entregábanse os premios da XXXVII Cata de Viños de Galicia, a XXVII Cata de Augardentes e a XIV Cata de licores tradicionais

 

Os resultados da XXXVII Cata de Viños de Galicia, a XXVII Cata de Augardentes e a XIV Cata de licores tradicionais desvelábanse esta tarde. Nesta ocasión o galardón ao mellor viño branco galego era para o Eduardo Peña (da Adega Eduardo Rodríguez e Luz Cánovas, SC) da Denominación de Orixe Ribeiro e o mellor tinto recaía no Prómine (Adegas Petrón SL) da D.O. Ribeira Sacra. A cerimonia de entrega de galardóns estaba presidida polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen destacaba o papel do sector vitivinícola á hora de fixar poboación e dinamizar a economía no rural, atraer novos turistas á comunidade e exercer como embaixador do que significa Galicia Calidade. Por iso, anunciou que o Executivo autonómico reforza o seu apoio a este eido con máis de 12 millóns de euros reservados nos orzamentos de 2026.

Rueda salientou o excelente nivel dos viños, licores e augardentes galegos e asegurou que estes premios son unha boa mostra do traballo que se realiza ao longo de todo o ano. Nesta liña, lembrou que a edición de 2025 bateu récord ao rexistrar 500 mostras -cen máis que o ano anterior- de 176 empresas galegas.

 

 

 

 

 

Durante a súa intervención neste acto, no que estivo acompañado da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, Rueda lembrou que Galicia conta con máis de 10.000 viticultores e 443 adegas así coma cinco denominacións de orixe e outras cinco indicacións xeográficas protexidas que elaboran produtos de gran calidade que levan o nome da comunidade por todo o mundo.

“A Galicia Calidade da que queremos presumir atopa moitas expresións e unha delas son os viños, augardentes e licores, que amosan o que somos e onde queremos ir”, indicou Rueda, quen resaltou que esta industria, ao igual que Galicia, “combina tradición e modernidade”. “Un sector que non perde a esencia e que mira cara adiante, cara ese consumidor cada vez máis esixente, que pide cousas ben feitas e ben elaboradas”, sinalou.

A Xunta leva anos apoiando ao sector para facer fronte aos retos do presente e do futuro e para avanzar cara unhas explotacións máis modernas, competitivas e sostibles. Nesta liña, Rueda resaltou que os orzamentos do vindeiro ano contemplan novas edicións de axudas para a reconversión de viñedos, adaptar as vides aos efectos do cambio climático e mellorar a súa sustentabilidade; promocionar os viños e licores galegos en mercados de terceiros países ou achegas para contribuír nos gastos da elaboración de comercialización dos produtos, entre outros apoios ao sector.

 

 

O Goberno galego tamén traballa a prol da promoción dos produtos agroalimentarios de calidade diferenciada. Por iso, o vindeiro ano amplíanse os apoios nesta materia a través do Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, que incrementa o seu orzamento no vindeiro 2026 ata os 10 millóns de euros.

Ademais, a Xunta tamén intenta dar resposta ás necesidades puntuais do sector ante problemáticas concretas como ocorreu cos viñedos e as adegas afectadas pola vaga de lumes forestais do pasado verán. No paquete de axudas que o Executivo autonómico lanzou de xeito inmediato xa a finais a de agosto, recollíanse achegas de ata 12.700 € por hectárea afectada no caso dos viticultores.

 

 

Back to top button