En portadaSanidadeÚltima hora

O brote de Viana suma un novo positivo e sobe a 14 casos activos de Covid

 

O seguimento dos contactos do brote importado de Covid-19 detectado en Viana do Bolo nunha mesma unidade familiar o pasado domingo 16 de agosto vén a sumar un novo caso positivo, un mozo de 16 anos de idade, despois de completar o estudo, identificación e control de contactos dos afectados e a realización das probas PCR correspondentes, tal e como informa a Consellería de Sanidade.

Deste xeito, este brote afecta nestes momentos a 14 pacientes que están nos seus domicilios en situación de illamento, con seguimento tanto telefonicamente como a través da plataforma TELEA e tamén controlados e monitorizado o seu curso clínico polos profesionais sanitarios de seu Centro de Saúde.

Un brote en Vilamarín

Por outra, na xornada de onte, mércores 19 de agosto, detectábase en Vilamarín un caso positivo importado de Covid-19 nun home de 45 anos de idade que tras referir leves síntomas da enfermidade foi sometido a unha proba diagnóstica PCR. Desde ese momento atópase en situación de illamento e comezou o estudo a todos os seus contactos máis estreitos, segundo Sanidade.

Froito dese estudo e identificación dos contactos realizáronse as probas PCR correspondentes, detectándose outros seis novos casos positivos na súa unidade familiar en dous homes de 48 e 36 anos, dúas mulleres de 44 e 31 anos de idade e dous nenos.

Neste momento os sete pacientes deste gromo familiar están en situación de illamento domiciliario controlados e monitorizadas en todo momento pola plataforma Telea e a seguimento polo persoal sanitario do seu centro de saúde.

A aparición deste gromo provocou que Sanidade, como medida preventiva, ordene desde hoxe a restrición total nas visitas e nas entradas e as saídas da Residencia sociosanitaria Santiago Apostol de Villamarín co obxectivo de preservar a saúde e seguridade dos residentes e traballadores do centro.

Artigos relacionados

Back to top button