
Ten demostrado a súa habilidade para o deporte dende ben pequeniño, primeiro no mundo do motor e agora no do fútbol. O barquense Leo Pérez Pereira destacou sendo un cativo como piloto de karting, chegando a competir a nivel europeo e agora está a facelo no fútbol, no que leva pouco máis de dous anos, sendo fichado polo mesmísimo CD Lugo.

Tras deixar a competición de karting Leo comezou a xogar no club da casa, o CD Barco, primeiro como infantil e este ano como cadete de primeiro ano, no que seguirá ata final de tempada e despois xogará no equipo base do Lugo que compite na División de Honra, “a máxima categoría galega”, puntualiza o seu pai Julio, emocionado e moi contento polo que supón. “Leo xa estaba indo a adestrar na Ponferradina pero a min gústame moito máis o Lugo e con estas condicións máis”, asegura, explicando que foi precisamente o 28 de decembro (Día dos Inocentes) cando se puxo en contacto con eles o representante dunha axencia para ver se lles interesaría que fose a probar a Lugo “porque lle vira cousas moi compatibles co club lucense e seguro que o collían”. E así foi.

Coa autorización asinada polo presidente do Barco foron adestrar tres días, 2, 3 e 5 de xaneiro e gustoulles o que viron co cal quedaba fichado para a vindeira tempada 2026/ 2027. “Querían levalo xa pero o problema para este ano é a residencia que ten as prazas completas, porque irá con pensión completa (clases, residencia e adestramento). O Lugo espera ter a cidade deportiva rematada para setembro-outubro e as categorías base van moi ben, así que estamos moi contentos”, di Julio.

Igual de contento que eles está Alberto Fornos, o representante na zona de Galicia e Asturias de Bestalent, Axencia de Representación Deportiva que traballa coa xente xove ata os 23-24 anos “porque entendemos que é a idade de formación dun xogador, tanto academicamente como futbolisticamente”, explica, asegurando que o de Leo foi unha casualidade e tamén un caso curioso a través das redes sociais. “Escribiume, como tantos nenos, través do Instagram e mandoume vídeos de accións súas en adestramentos”, conta Alberto. Ao tratarse dun menor idade, púxose en contacto co pai e xa lle explicou que “vira cousas de Leo que poderían encaixar no CD Lugo. Fixen as xestións para que fose adestrar e quedaron moi contentos con el e podería encaixar para o ano que vén”, asegura, destacando que “Leo oriéntase ben, ten boa visión de xogo, antes de recibir o balón sempre mira a quen llo pode pasar,… cousas que se ven moi rápido. Obviamente é un proceso e está en idade de mellorar pero o que é innato non falla. Un perfil pequeniño, de calidade, de toque… o rendemento chegará”, asegura.

Con 14 anos recén cumpridos Leo comeza así unha nova etapa e malía non facer a ficha ata o ano que vén, irá adestrar co Lugo sempre que poida para que ir coñecendo aos nenos, e tamén participará en torneos para os cales non precise ficha. En marzo irá a un e en xuño a outro a Tenerife, tal como avanza o seu pai.

Fotos cedidas.