A emisión en RTVE da reportaxe dedicada ao Camiño de Inverno tivo unha gran acollida e supuxo un novo impulso para dar a coñecer este histórico roteiro xacobeo. A peza, emitida esta mañá en “La Aventura del Saber” da 2, continúa ademais a súa difusión ao longo do día nos distintos sinais da Canle Internacional de RTVE, levando a esencia deste itinerario a espectadores de diferentes países.
A súa difusión na 2, RTVE Play, Youtube e a Canle Internacional amplía de forma notable o seu alcance e multiplica a súa chegada a públicos moi diversos, tanto dentro como fóra de España. Deste xeito, o Camiño de Inverno segue gañando visibilidade e reforzando a súa proxección.

O audiovisual, unha produción de RICI Comunicación para a Asociación de Municipios do Camiño de Inverno, co apoio da Xunta de Galicia a través da súa axencia de turismo, achegou ao público a riqueza patrimonial, paisaxística, histórica e humana dun roteiro con marcada personalidade dentro dos itinerarios oficiais de peregrinación a Santiago. Un percorrido auténtico, sereno e cada vez máis apreciado por quen busca unha vivencia xacobea máis vinculada o territorio e á esencia da peregrinaxe.
A repercusión alcanzada volve poñer de relevo o labor que desenvolve a Asociación de Municipios do Camiño de Inverno (AMCI) para divulgar, protexer e consolidar esta vía histórica. Un traballo constante que adquire aínda máis importancia ante o horizonte do Xacobeo 2027, para o que a Asociación continúa avanzando con unha estratexia de futuro orientada a fortalecer a promoción do itinerario e a seguir afianzando o seu lugar dentro do universo xacobeo.

Desde a AMCI valórase “moi positivamente esta emisión pola súa capacidade para mostrar os grandes atractivos do Camiño de Inverno: o seu percorrido histórico, a autenticidade que mantén, a beleza das paisaxes que atravesa, a calidade da experiencia peregrina e a súa identidade singular dentro dos roteiros xacobeos oficiais”.
A Asociación anima a peregrinos, viaxeiros, amantes do patrimonio e do turismo cultural, así como a todas as persoas interesadas no fenómeno xacobeo, a gozar desta reportaxe, que constitúe unha magnífica porta de entrada á historia, aos valores e á beleza do Camiño de Inverno.