Actividades deportivas, formativas e lúdicas en plena natureza. O Campamento Infantil de Espeleoloxía Águilas Verdes que a finais de xuño celebraba a VII edición no refuxio de Covas (Rubiá), é unha experiencia única que comparten os vinte cativos asistentes.

Trátase dunha iniciativa xa consolidada para nenos de entre 7 e 14 anos que o GEM (Grupo de Espeleoloxía e Montañismo) de Rubiá poñía en marcha no 2021 e na que se combina a actividade deportiva infantil coa divulgación dos valores da natureza e da montaña a través do descubrimento da súa contorna, ao mesmo tempo que fomenta a convivencia e valores como a sociabilidade ou o respecto.

Coma sempre o campamento comezaba o sábado coa recepción dos participantes, que despois se dirixían ao refuxio para instalarse. Ese día pola tarde tras o xantar, facían unha actividade en kaiak no pantano de Penarrubia e visitaban a Pa da Zorra, incluíndo nesta ocasión unha interesante actividade de tiro con arco, aproveitando que un socio do club compite nesta disciplina. Despois da cea facíase algún xogo nocturno antes de durmir, máis ben pouco.


O domingo recibían a visita dun membro do Grupo de Rescate Especial de Intervención en Montaña, GREIM, da Garda Civil con base na Pobra de Trives, completándose o programa con algún concurso e o xantar no refuxio cos pais e nais dos nenos. O broche, como cada ano, era a entrega de diplomas e despedida.

Fotos: GEM Águilas Verdes de Rubiá.
Máis información e fotos:
