
O 14 de marzo, o mago galego Marcos Waldemar enchía o Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras no inicio da xira galega do seu espectáculo máis persoal, Inherente, no que conta a historia do seu antepasado, o Conde de Waldemar, vencellada á súa propia traxectoria.
Seis meses despois e tras pasar por diferentes escenarios (Vilalba, Lalín, Vimianzo,…) volve a Valdeorras, nesta ocasión ao Centro Cultural Avenida, na Rúa. “Será unha nova oportunidade para todos os que quedaron sen entradas no Barco”, di o propio Marcos, asegurando que tanto a el como a todo o seu equipo failles especial ilusión actuar neste espazo. “É un sitio máxico de por si que nos encantou e imos tentar que quede un espectáculo moi bonito, con algunha sorpresa e novidade”, di, lembrando que se trata dun espectáculo de gran formato, de algo máis de unha hora e cuarto que mestura mentalismo, comedia, maxia con olores e teatro.

Inherente é un xogo do que desfrutan tanto nenos como maiores. “Obviamente a partir dos 8-9 anos entenderán máis partes da historia pero os máis pequenos tamén o desfrutan”, asegura Marcos, destacando que neste espectáculo cada xogo ten unha emoción distinta. “Nun o público vai rir moito, noutro haberá tensión, noutros nostalxia… co cal hai para todos os gustos”.
A actuación na Rúa terá ademais un engado especial porque será onde Marcos Waldemar se estree como campión de España de maxia. “Levabamos 26 anos sen ter un campión en Galicia (no 99 fora Luis Piedrahita e despois tivemos varios premios pero nunca o primeiro) e este ano, na categoría de invención por todo o desenvolvemento da maxia con olores, déronmo a min en Tarrassa no mes de xullo e a xente que veña á Rúa poderá ver todo o que fixen alí. Será algo moi bonito”, asegura.
A cita será o domingo 28 de setembro ás 20 horas e as entradas custan 13 euros venda anticipada en Entradium.com e no Concello da Rúa, e 16 en taquilla.