CulturaCulturaÚltima hora

O campión de España de maxia, Marcos Waldemar volve ao Barco con “Inherente”

Actuará este venres 2 de outubro ás 20:30 horas no Teatro Lauro Olmo

Marcos Waldemar o ano pasado no Teatro Lauro Olmo do Barco./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O 14 de marzo de 2025, o mago galego Marcos Waldemar enchía o Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras no inicio da xira galega do seu espectáculo máis persoal, Inherente, no que conta a historia do seu antepasado, o Conde de Waldemar, vencellada á súa propia traxectoria.

Un ano e medio despois, tras pasar por diferentes escenarios (Vilalba, Lalín, Vimianzo, A Rúa…) e revalidar o título de campión de España de Maxia, volve para poñer o broche a esa exitosa xira, co mesmo espectáculo pero algunha novidade. “É a última oportunidade de velo no Barco porque estou coas últimas datas antes de retiralo”, conta Marcos que está xa preparando o seguinte co que de seguro volverá a Valdeorras.

De momento agarda volver encher o teatro “porque haxa público que queira repetir e queira levar a alguén, e tamén quen queira ver as novidades”, di, ademais dos que non puderan facelo da outra vez. As entradas están á venda en Entradium.com.

En Inherente Marcos Waldemar abre as portas dun universo no que nada é exactamente o que parece. A maxia mestúrase co teatro, o humor, o mentalismo e a sorpresa para construír unha experiencia na que o público non sabe onde remata a ilusión e onde comeza o imposible. Cartas que desafían a lóxica, pensamentos que parecen quedar ao descuberto, experiencias sensoriais inesperadas e momentos nos que o espectador se converte en protagonista. Aquí non hai distancia entre o escenario e a butaca: a maxia acontece diante dos teus ollos… e ás veces, nas tuas propias mans.

Quen queira comprobalo ten unha cita este venres, 2 de outubro, a partir das 20:30 horas no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras.

 

Back to top button