DeportesFútbol

O Campus de Fútbol Mixto de San Xoán de Río pecha a edición máis exitosa da súa historia con máis de 100 participantes

 

O Concello de San Xoán de Río vén de pechar con gran éxito o III Campus de Fútbol Mixto, celebrado ao longo do mes de xullo na Estación de Montaña de Manzaneda. Máis de 100 nenos e nenas de entre 5 e 16 anos participaron nunha experiencia única que combinou deporte, natureza e aprendizaxe en igualdade.

Durante dúas quendas de dúas semanas cada unha, o campus contou con todas as prazas cubertas, lista de agarda e un alto índice de satisfacción entre as familias. Este ano destaca, ademais, o incremento da participación feminina, un paso firme cara a un modelo máis igualitario e inclusivo no deporte base.

 

 

Un dos sinais de identidade do campus é a súa aposta polo liderado feminino. As sesións foron impartidas por tres monitoras profesionais, que compartiron coa rapazada a súa experiencia e demostraron que o esforzo, a disciplina e o traballo en equipo abren camiños no mundo do deporte.

O alcalde de San Xoán de Río, Xose Miguel Pérez Blecua, valorou moi positivamente esta edición. “Ver á estación de montaña chea de vida, de risas e de fútbol é unha imaxe que fala do rural que queremos: activo, igualitario e con oportunidades reais para a infancia.”

 

 

O campus foi totalmente gratuíto, cun servizo de transporte en autobús diario, e combinou adestramentos técnicos, xogos cooperativos e actividades ao aire libre, fomentando valores como o compañeirismo, a convivencia e o respecto pola contorna.

Con esta terceira edición, o campus consolídase como un referente de verán na provincia de Ourense e un modelo a seguir no eido do deporte con perspectiva social e territorial.

 

 

Fotos cedidas.

Back to top button