
O Festival Internacional de Curtas de Comedia RiR xa ten imaxe para a súa edición 2026. O cartel deste ano leva a sinatura da ilustradora Alba Cantalapiedra (Valladolid, 1996), afincada en Ourense e recoñecida polo seu nome nas redes como @albaricoque_acg. Unha aposta por unha creadora que combina ilustración e deseño cun estilo recoñecible, vibrante e profundamente ligado ao mundo dixital.
Cantalapiedra, graduada en deseño gráfico e con experiencia en axencias como McCann ou Microbio Comunicación, decidiu apostar pola ilustración como camiño profesional. Desde entón desenvolveu proxectos para marcas como Coca-Cola, editoriais como Penguin Random House, Grupo Planeta, Nocturna Ediciones, discográficas como Warner, e publicou o seu primeiro libro con Lunwerg en 2021. A súa traxectoria, marcada pola creatividade e a versatilidade, encaixa á perfección coa identidade do RiR, que cada ano reivindica a comedia como espazo de liberdade e experimentación.

A nova imaxe presenta un tema moi cinefilo, coas míticas bobinas das películas percorrendo todo o cartel e reflexando a esencia do mundo do cine. Este tema servirá de partida para os contidos e grafismos que o festival comezará a mover nas redes sociais nos próximos días, dando inicio á conta atrás cara a unha semana dedicada ao cinema breve e ao humor en todas as súas formas.
Preparando a novena edición do RiR
Nesta edición, o RiR recibiu 213 curtametraxes de comedia procedentes de diferentes países, unha cifra que confirma o crecemento e a proxección internacional do certame. A programación arrancará o domingo 30 de agosto ás 20:00 h coa proxección do palmarés da edición anterior, unha sesión aberta ao público e de entrada gratuíta na Casa da Cultura de Allariz, pensada para quen queira recuperar os títulos gañadores ou descubrilos por primeira vez.
O Festival RiR continúa así a consolidarse como unha cita imprescindible para creadoras, creadores e público amante da comedia, convertendo así á vila de Allariz no epicentro da comedia durante unha semana. O festival é posible grazas aos seus financiadores, Concello de Allariz e Deputación de Ourense, e ao seu patrocinador principal, Aira Editorial.
