CulturaCulturaEntroido 2026Última hora

O cartel do Entroido de Verín 2026 pon o foco na “diversidade e na vivencia colectiva desta celebración”

Os autores son Pruden (Anxo Varela) e Lúa Lomo, integrantes do estudo creativo Pruden Tattoo

 

O Entroido de Verín 2026 xa ten o seu cartel anunciador. Na mañá deste venres 16 de xaneiro presentábase “unha proposta visual que pon o foco na diversidade e na vivencia colectiva desta celebración emblemática”. O acto contou coa participación de Samanta Barreira, concelleira de Cultura, Turismo e Festexos, así como de Pruden (Anxo Varela) e Lúa Lomo, integrantes do estudo creativo Pruden Tattoo e autores do cartel.

Durante a súa intervención, a concelleira destacou o valor simbólico da obra e a súa conexión coa identidade local. “O Entroido de Verín é unha festa que se constrúe entre todas e todos, dende a tradición ata as novas formas de vivila. Este cartel reflicte esa pluralidade e esa maneira tan nosa de entender a celebración”, dixo.

O proxecto parte dunha reflexión sobre o significado do Entroido para a veciñanza de Verín e da comarca, entendido como un tempo de encontro, celebración e identidade compartida. Tal e como explicaron as persoas creadoras, o fío condutor do cartel nace da idea de que Entroidos hai moitos, e moitas tamén as formas de vivilos, unha realidade especialmente presente en Verín.

 

 

A composición recolle diferentes figuras e elementos representativos da festa, dende os capuchóns ata a Raíña do Entroido, pasando polos compadres e por todas aquelas persoas que chegan doutros lugares para compartir estes días. O cartel preséntase así como un reflexo plural dun Entroido vivo, interxeracional e aberto.

A obra está realizada mediante ilustración dixital, cun equilibrio coidado entre cores vibrantes e referencias tradicionais, garantindo unha lectura clara tanto en formato impreso como dixital. “Buscamos un cartel no que todas as persoas puidesen sentirse representadas, porque o Entroido é unha festa colectiva”, sinalaron Pruden e Lúa durante a presentación.

Pruden Tattoo é un proxecto creativo fundado en 2019. O seu percorrido comezou arredor da tatuaxe e foi evolucionando cara a un universo creativo máis amplo que inclúe ilustración, deseño, creación de contido e proxectos culturais. Na actualidade desenvolven unha tenda en liña de láminas, roupa e accesorios, así como o Choro Club, un espazo no que realizan obradoiros, tatuaxes e propostas artísticas diversas, ademais de traballar de maneira itinerante por distintos puntos de Europa.

 

 

Ao longo da súa traxectoria colaboraron con entidades e proxectos de recoñecido prestixio, como a tenda de deseño da Bauhaus en Dessau, o xornal francés Le Monde, eventos musicais como o Festigal 2023, a promoción do filme Amor de Madre de Netflix, así como murais, portadas de discos, menús de restaurantes e deseños para diferentes marcas.

Pruden (Anxo Varela) cursou o bacharelato artístico na Universidade Laboral e é graduado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, contando con nove anos de experiencia como tatuador e ilustrador. Lúa Lomo é graduada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, con formación en patronaxe, corte e confección, así como en creación de contido e redes sociais. Dende 2019 forma parte activa do proxecto, asumindo tarefas de xestión, creación e deseño.

Dende o Concello de Verín subliñan que a elección de Pruden Tattoo como autores do cartel do Entroido 2026 “reforza a aposta polo talento creativo e pola reinterpretación contemporánea dunha das festas máis representativas do municipio, mantendo sempre o respecto pola tradición e pola identidade local”.

Fotos: Concello de Verín.

Back to top button