OurenseÚltima hora

O CCA Ourense Centro reparte entradas para o parque infantil e familiar Funtastik, en Expourense

Presentación da campaña.

 

O Centro Comercial Aberto Ourense Centro (CCA) presenta un completo programa de actividades para este mes de outubro, co obxectivo de “premiar a fidelidade da clientela, reforzar o consumo de proximidade e
dinamizar a vida comercial e cultural do corazón da cidade”.

Campaña “Este Outono, arrasa con todo”

Entre o 4 e o 17 de outubro, as compras realizadas nos establecementos asociados permitirán participar no sorteo de 1.000 euros en vales de compra.  Cada venres (día 10 e 17) sortearanse 500€ (oito premios de 50€ e un premio de 100€). Os sorteos celebraranse en directo na caseta da rúa do Paseo, ás 20:15h. Ao entregar o seu boleto, os clientes recibirán ademais como agasallo directo, unha práctica bolsa multiusos de algodón.

Entradas para Funtastik

Outra das iniciativas activas é o reparto de entradas para Funtastik, o gran parque infantil e familiar instalado en Expourense. As 130 primeiras compras rexistradas en comercios asociados premiaranse cunha entrada gratuíta.

 

 

Estrea teatral Arsénico por compasión

O 24 de outubro ás 21 horas, o Auditorio Municipal acollerá a estrea da comedia negra Arsénico por compasión, de Joseph Kesselring, adaptada por Roberto da Torre e dirixida por Roberto De la Torre e Esther Casal. Unha proposta cultural que combina humor, intriga e emoción, perfecta como antesala de Halloween. As invitacións poderán solicitarse a partir do 20 de outubro nos establecementos asociados, no momento de realizar as compras.

Relanzamento do Club CCA Ourense Centro

O CCA relanza o seu Club de Clientes VIP, un programa de fidelización gratuíto que permite acumular descontos en cada compra e participar en sorteos e promocións exclusivas durante todo o ano. A alta é gratuíta e pode realizarse tanto nos comercios como a través da web de Ourense Centro . Este programa de fidelización entrerá en marcha a finais de mes.

Todas estas iniciativas contan co cofinanciamento da Xunta de Galicia e o Inorde así como co apoio e colaboración do Concello de Ourense, sen esquecernos da implicación directa dos comerciantes asociados ao CCA. “En definitiva, este mes de outubro propoñemos un calendario cheo de premios, cultura, diversión e novidades que teñen un obxectivo común: apostar por un Ourense vivo, dinámico e unido ao redor do seu comercio local”, sinalan desde a organización.

Back to top button