Boa xornada a deste sábado 6 de xuño para o fútbol valdeorrés en xeral e para o Centro de Deportes Barco en particular.
Se pola mañá era os infantís os que lograban o ascenso tras vecer na final disputada no Campiño de Viloira, pola tarde era o CD Barco “B” quen vencía ao Bande FC no partido de volta de semifinais do play off de ascenso a Segunda Futgal, logrando o pase á final.
Os rapaces de Ricardo Prada e José Castro saltaban ao terreo de xogo, no campo municipal de Calabagueiros, coa necesidade de superar o empate 1-1 do partido de ida disputado no campo de Outeiro en Bande e abrían o marcador co primeiro gol da tarde, de Jonathan Vega no minuto 32. No 44 marcaba Britez, chegando ao descanso co 2-0. Tras o paso polo vestiario marcaban os de Bande e dez minutos despois Britez respondía co seu segundo gol, o terceiro da tarde. No 66′ volvían marcar o Bande e no 82 Britez sentenciaba o partido cun hat-trick.
Con 4-2 o filial do Barco ratifica unha gran tempada pasando á final do play off polo ascenso.
Fotos: Mónica G. Bellver.