CD BarcoDeportesFútbolÚltima horaVídeos

O CD Barco comeza unha nova tempada en Terceira cun equipo “competitivo e coherente”

 

Dous anos despois o CD Barco volve con máis forza e ganas que nunca á Terceira Federación. Unha categoría complicada que prepararán intensamente durante este mes, nunha pretempada que arrincaba na tarde deste venres 1 de agosto no campo municipal de Calabagueiros co primeiro adestramento.

 

 

E faino cunha directiva renovada que incorpora cinco mulleres “que lle dan frescura”, en palabras do presidente do club, Nilo Ramos, e cun equipo que mestura xuventude e veteranía de novo ás ordes de Lino Estévez, con moitos xogadores do ano pasado e nove incorporacións: Rabil, Noel, Miguel, Andrés, Raúl, Felip, Jorge e Izan García, os tres últimos a proba. “Logramos manter a base e reforzamos con xogadores que poden aportar cousas distintas”, dixo Lino, marcándose como obxectivo “facelo o mellor posible cada adestramento diario” e destacando a importancia de que “cando as cousa non veñan ben estemos todos xuntos, xogadores, corpo técnico, directiva e afección para poder facer un bo ano”.

 

 

Xunto a Lino, forman parte do corpo técnico Pepe (adestrador de porteiros), Santi (analista que virá de cando en vez), Gunty (axudante de adestrador e fisio), Jorge (preparador físico), Iago (segundo adestrador) e Gaso (delegado.

 

 

Faltan catro xogadores por diferentes motivos pero coa maioría sobre o terreo de xogo, o presidente dáballes a benvida e as grazas “aos novos e aos que vos quedastes por apostar por nós, e aos que marcharon polo excelente traballo do ano pasado”, dixo, asegurando que a única premisa coa que saen é “competir en igualdade de condicións, para o cal fixemos un equipo competitivo e coherente, de moito físico, contentos porque era o que queriamos”, dixo desexándolles o mellor “porque o mellor para vós será o mellor para todos”, e asegurándolles que “pasaremos momentos duros pero tamén bos”.

 

 

O concelleiro de Deportes e futuro alcalde Aurentino Alonso, pola súa banda dirixiuse aos xogadores asegurándolles que “vindes a unha terra acolledora, de feito moitos repetides e iso demostra que estades agusto”, dixo, felicitando ao CD Barco por ese camnbio na directiva, unha renovación moi positiva “sobre todo agora que as mulleres chegaron ao fútbol para quedarse e a un altísimo nivel”.

 

 

Tralas palabras de benvida e como o mellor recibimento, tralo primeiro adestramento os asistentes degustaban un pincho de paella feita in situ por Javier Ferrer do Skándalo.

 

 

A partir de aquí comeza para os de Lino Estévez unha intensa pretempada. O primeiro partido en casa será o día 13 de agosto contra o Bembibre; o día 17 contra o Ponferradina B e o 23 o Memorial Miguel Fariñas contra o Lugo B. E xa a domicilio xogarán o 10 en Cubillos, o 15 en Monforte, o 20 en Barbadás, o 30 en Astorga e o 31 en Ourense.

Fotos: Mónica G. Bellver e cedidas.
Vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button