
“Construír un club referente na contorna”. É o obxectivo da fusión que veñen de asinar o CD Caldelao e o Inter Ribeira Sacra que dende hoxe unen os seus camiños para “facer un club máis amplo, que recolla todas as idades, categorías e pobos da contorna”, explica Alejandro Pérez, da directiva do CD Caldelao, sinalando que en canto lles comentaron a idea da fusión, tivérono claro. “No fútbol modesto unirse, profesionalizar a xestión e axuntar esforzos é a garantía de supervivencia dos clubs. Cada ano vemos como clubs de pobos pequenos retíranse ou desaparecen e tivemos claro que este proxecto busca crear desde abaixo, desde os máis pequenos, para garantir a continuidade dos equipos. Tan ilusionados estamos co proxecto de canteira que estamos a estudar a posibilidade de sacar un B, para dar oportunidades aos máis novos e a aqueles que teñen menos minutos para seguir crecendo como xogadores”, asegura.
Pola súa banda, Óscar Martínez, presidente do Inter e do novo club resultante da fusión destaca o “gran traballo que realizaron Alejandro e o resto da directiva do Caldelao, coa ilusión de construír un equipo para esta tempada que non sufra e mesmo poida buscar obxectivos máis elevados en Segunda”, asegurando que ter un equipo sénior en fútbol competitivo, máis o sénior que están a preparar en fútbol sala, tentando recuperar a esencia do Sporting de Manzaneda, “serve de motor e aliciente para os máis novos, que realmente son máis o meu obxectivo”.

Alejandro explica que iniciaron os contactos con outros concellos da zona, “para seguir unindo apoios e persoas ao proxecto, para facer unha entidade que nos poida representar a todos e na que todos se sintan representados”, ao que Óscar engade que cando presentaton o Inter “dixemos que naciamos para unir, e niso estamos, unindo persoas e pobos ao proxecto, para levar o nome da Ribeira Sacra ao maior número de competicións posibles”.
Ambos adiantan que están a traballar en varias direccións para dispoñer de equipos en varias categorías, “pero mellor esperar a ter todo ben pechado para contalo”.

Fotos e vídeo cedidos.