Cargados de simbolismo, pero tamén de esperanza, ilusión e renovación. Así son os novos murais cos que se atopaba a comunidade educativa do CEIP do Bolo na estrea do curso neste 9 de setembro, que abre ao mesmo tempo unha nova dirección e etapa no centro.
Son 64 m2 en dous murais, co soamente as tres cores primarias (mesturadas a man para facer os tonos), a brocha e, tras 52 horas de traballo e pintado. Esta creación é obra de Estudo Garabizo, que aceptaba a proposta que lle facía o centro o pasado curso. “A idea era representar a imax edo concello do Bolo, suspendido no aire e rodeado polas nubes”, explica Vanessa Rodríguez, dende Estudo Garabizo. “As siluetas dos nenos, símbolo do colexio e do futuro da vila, que se van transformando, por medio dos libros e do ensino, en paxariñas de papel e logo en anduriñas, símbolo de grandes viaxes e aventuras polo mundo enteiro, igual que fan elas cando se preparan nesta época do ano para, todas xuntas, voar fortes… pero sempre voltan á súa casa cada ano, ao seu fogar no Bolo”.
Ademais, prosegue, “o ceo da entrada é de noite, antesala do coñecemento que adquirirán os nenos, estudando, pero guiados coa estrela que sempre chega primeiro e agarda ata o mencer, Venus, tal e como se ve dende esa mesma porta”.
A iniciativa de realizar este proxecto partía dende o equipo directivo do curso anterior, xunto coa Ampa, para darlle “unha actualización de cara ao exterior, xa que no interior fíxose ao longo do curso 25/26, e para iso contamos coa colaboración dunha ilustradora de Viana do Bolo, pero con arraigo no Bolo”, din dende antiga dirección do centro.

Así, o antigo director José Luis Fernández, así como a nova directiva do centro, xunto co Concello, “seguen a traballar na recuperación do ensino rural e animan ás familias a coñecer o centro e o seu entorno con elementos metodolóxicos educativos de alta calidade”.
Estes murais, cun photocall entre dous paxaros, busca ademais darlle maior visibilidade ao centro. Eran realizados completamente a brocha con tres capas (hidrófugo, primeiro e acrílicos especiais para murais no exterior). “A visión foi representar a miña idea deste concello, flotando nas nubes, aos seus nenos, o fuguro; e a metáfora da aprendizaxe na vida. Todo dende unha mirada dende o cariño e a esperanza dun proxecto no rural, e todos os que o fortalecen”, di Vanessa Rodríguez.

Unha nova etapa para o centro
Esa mesma visión que Estudio Garabizo plasma no mural é compartida polo novo director do centro, Diego Luezas Trigo, que chega coa intención de quedarse e darlle estabilidade ao CEIP, impulsando novos proxectos educativos moi vinculados ao territorio. “Este impulso é moi refrescante e interesante e o mural será un símbolo de cambio para todos”, comenta Vanessa Rodríguez.
“A idea é lograr unha renovación no centro, tanto a nivel interno como externo, para ir atraendo a novos nenos que queiran formar parte deste cole”, comenta o seu director, indicando que aposta por quedarse nel, rompendo así a dinámica de anos anteriores nos que se producía un cambio de docentes. “Con esa base busco crear unha liña continuada, partindo de metodoloxías activas e, sobre todo de actuar coa contorna, de traballar co noso pobo, co Bolo”.
Nese senso, Luezas pretende fomentar unha dinámico de traballo das materias “de forma contextualizada. Por exemplo, se traballamos matemáticas e medidas, pois ver as medidas do noso castelo, que é o monumento máis importante, e as súas formas xeométricas porque en realidade é un prisma. Ou, en naturais, incidir no coidado da nosa contorna e poñer en valor a vida no rural, tratar de evitar ese éxodo masivo que cada vez máis fai que este centro conte con menos nenos. Tamén se trata de poñer en valor e expandir, difundir os beneficios da vida rural, da docencia no rural, porque é unha aprendizaxe moito máis individualizada, personalizada Ou traballar a plástica a partir da obra dun artista do pobo como é Yosso. E, tamén, poñer en valor que este é un dos centros onde todo o alumnado fala o galego, a nosa lingua, e como iso é de valorar”.
Neste contexto, Diego Luazes ten en mente varios proxectos para o CEIP do Bolo como tal, pero tamén vinculando e fomentando a colaboración con outros centros do rural da zona, algúns dos cales quere desenvolver xa neste mesmo curso. “Veño con moitas ganas e creatividade, quero poñer en valor o propio centro e o pobo, o municipio”, comenta.
Fotos cedidas.
