Entre aplausos, apertas, bicos, música e agasallos despedían no CEIP Julio Gurriarán do Barco de Valdeorras á que foi a sua profesora de inglés nos últimos 15 anos.
Maite Pérez Martínez, natural do Mazo (Vilamartín de Valdeorras), marchou fóra sendo unha nena e tardaría un tempo en volver á súa casa, Valdeorras. Como profesora, comezou a traballar no ano 1990 en Vilardevós onde estivo un ano, despois marchou para Xinzo e estivo dando clases no Irixo, Boborás e Maside. “Despois estiven en Ourense e xa viñen definitivamente para Valdeorras, 12 anos no colexio de Rubiá e xa finalmente no Julio Gurriarán onde este ano faría 15”, conta Maite quen asegura que agora, coa xubilación, é momento de desconectar e se pode, cumprir algún soño. “Pode que faga algún máster en Literatura ou algo así, gústame o temas da toponimia e da investigación, mil cousas pendentes,… viaxar, desfrutar e tamén descansar”.

Novos proxectos para esta mestra que, no mediodía deste venres 26 de setembro, sentía a calor dos seus alumnos e compañeiros do centro (coa súa caricatura ao pescozo xunto á mensaxe ‘Adiós tensión, hola pensión’), que entre berros de ‘Maite, Maite’ facíanlle un pasillo para despois entregarlle un ramo de flores e unha cesta en sinal de agradecemento e cos mellores desexos.
Moi emocionada, sen sospeitar o que lle tiñan preparado, Maite daba as grazas entre bágoas.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.