As 47 persoas que participan nesta edición dos Intercambios Escolares entre os municipios de Galicia e do Norte de Portugal que promove o Eixo Atlántico teñen por diante dous intensos días de actividades no Barco de Valdeorras.
Son 14 alumnos de 5º e 6º de Primaria do Grupo de CEIP Coelho e Castro, Fiães, Santa Maria da Feira, da localidade portuguesa de Vila Real (ademais de 2 profesores e 2 técnicos do Concello) e 26 do CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán do Barco de Valdeorras (con 2 profesores e 1 técnico do concello), os centros que participan nesta edición e que se coñecían na mañá deste mércores 14 de maio.
Pasadas as doce e media da mañá chegaba ao CEIP Julio Gurrriarán do Barco a delegación portuguesa, acompañada pola técnica do Concello do Barco, Diana Ramos, sendo recibida pola directora do centro barquense, Mariluz Moldes e pola concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta.
E xa tralo acto institucional de recepción no salón de actos comezaba unha apretada axenda de actividades que inclúe xogos no propio centro, visitas turísticas (ao Castro, a Xagoaza, os lugares máis emblemáticos do Barco e mesmo unha fábrica de lousa), recepción no Concello do Barco e ata tempo de lecer.

O encontro rematará mañá en torno ás 16 horas cando a delegación portuguesa regresará a Vila Real. A delegación barquense visitará Santa María da Feira os días 26 e 27 deste mes de maio.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.