Na xornada do venres 13 de febreiro, o CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín de Valdeorras celebraba o seu particular Entroido cunha mistura de convivencia, tradición e diversión. Tal como contan dende o centro, a mañá comezaba cun xantar típico destas datas, no que participaron familias, alumnado e profesorado, “reforzando así os lazos da comunidade educativa”. E xa pola tarde, o centro enchíase de cor e alegría cun desfile de disfraces e unha serie de xogos e actividades lúdicas que fixeron gozar a grandes e pequenos.


Baixo o lema “Entroido no cole: xogos e xoguetes”, o alumnado lucía toda a súa creatividade. Os alumnos de Educación Infantil sorprendían cos seus orixinais disfraces de pompas de xabón, cheos de maxia e imaxinación. Pola súa banda os de 1º, 2º e 3º de Primaria convertían o patio nun universo de pezas de LEGO, construíndo un espazo cheo de fantasía. Finalmente os maiores do colexio chegaban caracterizados coas figuras do videoxogo Pac-Man, “preparados para correr, xogar e comer puntos”.

Un Entroido especial, participativo e inesquecible que foi posible “grazas á implicación de toda a comunidade educativa”, aseguran agradecidos dende a dirección do centro.
Fotos e vídeo cedidos.