CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O CEIP Xosé M. Folla Respino de Vilamartín celebrará, do 23 ao 28 de febreiro, a súa Semana de Portas Abertas

Fachada do CEIP Xosé M. Folla Respino./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O CEIP Xosé Manuel Folla Respino, de Vilamartín de Valdeorras, abrirá as súas portas á comunidade educativa do 23 ao 27 de febreiro en horario de 9 a 19 horas, e o sábado 28 de febreiro de 9 a 14 horas, para dar a coñecer o seu proxecto educativo e as súas instalacións ás familias interesadas.

Tal como informan dende a dirección, o centro aposta “por unha educación pública de calidade, próxima e personalizada, nun entorno privilexiado que combina innovación pedagóxica e tradición comunitaria”, destacando a atención individualizada como unha das súas principais fortalezas: “o número reducido de alumnado por aula permite un seguimento máis próximo, adaptado ás necesidades e ritmos de aprendizaxe de cada neno e nena”.

En Educación Infantil, “o traballo por proxectos e a aplicación da metodoloxía Montessori favorecen a autonomía, a experimentación e a aprendizaxe significativa desde idades temperás”, explican, recoñecendo que “o material do alumnado desta etapa está subvencionado polo Concello”. En Educación Primaria, “o centro ofrece bolsa de material, fondo de libros e participación no programa E-dixgal, integrando as novas tecnoloxías no proceso educativo”, explican, engadindo que o CEIP conta tamén con servizo de madrugadores de 7:30 a 10 horas, xornada partida de 10 a 16:30 horas e comedor escolar con cociñeira propia.

 

 

Con respecto ás vantaxes de estudar nun colexio rural, dende a dirección aseguran que achega importantes beneficios educativos e persoais. “O contacto directo coa natureza convértese nun recurso pedagóxico constante, permitindo realizar actividades ao aire libre e proxectos vinculados ao medio natural. Ademais, o ambiente tranquilo e seguro favorece a concentración, o benestar emocional e a convivencia”, din, explicando que os centros rurais caracterízanse tamén por “unha relación máis estreita entre profesorado, alumnado e familias, xerando unha auténtica comunidade educativa”. Unha proximidade que “facilita a comunicación, a implicación das familias e o acompañamento continuo no desenvolvemento académico e persoal dos nenos e nenas”.

Durante a Semana de Portas Abertas, as familias poderán coñecer de primeira man estas vantaxes, visitar as instalacións e conversar co equipo docente para resolver dúbidas sobre o proceso de matrícula. O CEIP Xosé Manuel Folla Respino “reafirma así o seu compromiso cun ensino público innovador, humano e arraigado ao territorio, demostrando que a educación no rural é unha oportunidade de calidade e futuro”, aseguran.

Back to top button